A avaliación intermedia dos grupos de acción local do sector pesqueiro
Ao longo destes últimos meses, varios Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) están facendo a avaliación intermedia das súas estratexias, as cales teñen como obxectivo dinamizar o territorio a través das axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Os GALP son entidades que colaboran na xestión deste Fondo coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
A xestión do FEMP nas zonas costeiras artéllase en base ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas, que foron aprobadas ao inicio deste período de fondos no ano 2016. Recollen a visión dos axentes territoriais definindo e poñendo en común as liñas de actuación que son consideradas prioritarias para o desenvolvemento sostible das zonas costeiras.
Neste momento, dende un enfoque de traballo netamente participativo, Cidadania está apoiando a varios GALP de Galicia, na realización dos procesos de avaliación. Para isto defínense espazos de traballo nos que se pretende achegar a información da execución do Fondo ao tecido de axentes locais e recoller tamén a súa visión e propostas de mellora, cara o cumprimento dos obxectivos no que resta do período de programación.
Este traballo contribuirá a mellorar a xestión do Fondo, reforzando tamén a gobernanza das entidades do sector pesqueiro, e como non, do conxunto de axentes do territorio.
Recentemente, a Consellería do Mar, publicou unha nova orde reguladora do programa de axudas do FEMP que xestionan o GALP. Podes consultala aquí.