Impúlsase nas rías de Arousa e Muros – Noia a dinamización do sector pesqueiro para fomentar proxectos innovadores relacionados co crecemento azul

Durante o mes de xullo Cidadanía mantivo as primeiras reunións e entrevistas con distintas persoas profesionais do mar, para presentar esta iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

O Crecemento Azul entende o desenvolvemento local como un modelo baseado en estratexias de dinamización e cooperación entre axentes locais, que poñan en valor os recursos propios dos territorios dunha maneira sostible.

Mediante esta iniciativa preténdese mobilizar e implicar ao sector pesqueiro cara a xeración de proxectos, fomentando que sexa a propia xente do mar quen aproveite as liñas de axuda existentes para poñer en marcha ideas que dinamicen a economía local e xeren emprego. Así mesmo, procúrase favorecer a transferencia de coñecementos entre institucións educativas e científicas e a xente do mar, vinculando á xente nova que está a formarse, coas persoas xa activas no sector.