Infancia e participación
A participación infantil ten como protagonistas a nenas e nenos na defensa dos seus intereses, preocupacións e desexos, naqueles temas que afectan ás súas condicións de vida individuais e colectivas. Con estas premisas son cada vez máis os proxectos nos que administracións e entidades sociais integran a perspectiva da infancia nas diferentes fases de planificación e deseño das súas políticas.
En Cidadania incorporamos a participación de nenas e nenos en diferentes proxectos. Entre eles destacamos os Orzamentos Participativos do Concello de Ferrol, e o deseño do Barrio da Ponte en Ourense. En colaboración cos centros de ensino e coa biblioteca municipal, creáronse espazos de participación onde nenas e nenos traballaron na identificación de problemas e propostas dirixidas aos seus barrios.
Ao tempo, e en colaboración coa Unión de Cooperativas de Ensino (UCETAG), desenvolvimos o proxecto intervención educativa Coopera e a experiencia piloto de participación infantil na cooperativa Alborada en Vigo. A través de metodoloxías asemblearias e técnicas de expresión e dramatización, como o teatro-foro, abordáronse propostas de mellora para a convivencia nas aulas.
Como complemento a estas iniciativas, en Cidadania elaboramos materiais didácticos de apoio para o traballo docente, como a Guía de participación infantil e as Guías didácticas de promoción dos valores cooperativos na aula dirixido aos ciclos de primaria.
Experiencias de traballo das que sempre se aprende. Nada máis gratificante que ver a nenas e nenos opinando, defendendo as súas propostas, con naturalidade e coa ilusión de afrontar novos retos e transformar o seu entorno!!