Miranda: divulgación dos oficios do mar das mulleres de Cariño

Miranda é un proxecto promovido pola Asociación Profesional de Redeiras de Cariño que porá en valor a actividade pesqueira como elemento dinamizador da economía local, reforzando a visibilidade das mulleres que desenvolven a súa actividade profesional vinculada ao mar.

A través do proxecto Miranda proxectaremos a mirada cara o futuro do sector pesqueiro na zona da Mariña-Ortegal, procurando información sobre o pasado que nos axude a comprender a situación presente na que se atopa o sector. En grupos de traballo, reforzarase o contacto entre mulleres do mar desta zona costeira, identificaranse as principais problemáticas que enfrontan, e definiremos propostas para a mellora das condicións de explotación destes recursos pesqueiros, para dar a coñecer os mesmos.

Ademais, redeiras e mariscadoras de Cariño desenvolverán un programa de divulgación dos seus oficios, achegándose as aulas de secundaria e bacharelato para dar a coñecer os seus oficios. Previamente, levaremos a cabo obradoiros formativos nos que definir o discurso, reforzar habilidades para falar en público, e estruturar os contidos a transmitir.