O proxecto Rías Sostibles finaliza este venres en Muros
O proxecto Rías Sostibles pón o broche final ao traballo desenvolto ao longo de 2020 cunha xornada de divulgación da iniciativa na Fábrica de Sel do Concello de Muros. No encontro presentarase ás persoas asistentes a Guía de Boas Prácticas no Sector Pesqueiro para reducir o lixo mariño, o vídeo documental Rías Sostibles -onde se visibiliza o traballo realizado no abeiro do proxecto e o compromiso do sector por reducir o lixo mariño- e o Panel do Observatorio do Lixo Mariño -onde se recolle o procedemento e a xestión do lixo na zona costeira-.
Este proxecto foi promovido polo GALP Costa Sostible e ADEGA, en colaboración coas Confrarías da zona, e a asistencia técnica de Cidadanía. Rías Sostibles avoga pola protección e recuperación da biodiversidade dos ecosistemas mariños da Ría de Muros – Noia.