Entradas

Proxectos inspiradores para a Mariña Ortegal

Ao longo deste trimestre acompañamos ao GALP A Mariña Ortegal na procura de proxectos inspiradores e replicables no seu territorio. Os GALP, entidades sen ánimo de lucro colaboradoras coa Consellería do Mar na xestión do FEMPA, apoian á xeración de proxectos que fortalecen o territorio a través das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.

Co obxectivo de inspirar ao territorio para a posta en marcha de novas iniciativas e proxectos, achegamos ao territorio distintos proxectos de éxito desenvoltos noutras zonas de Galicia. En Burela compartimos as experiencias arredor do produto pesqueiro de Mariscos de Barallobre, o Percebe da Barca e Merluza D& Burela, no marco da Feira Produart que promove a Fundación Expomar. A xornada en Foz centrouse na promoción do consumo do produto pesqueiro, achegando as experiencias singulares da Asociación Profesional de Turismo da Costa da Morte, do Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña e do IES de Foz, centro de referencia en formación gastronónica na Mariña.

En Valdoviño achegamos experiencias promovidas por distintas administracións cara a un turismo sostible, coñecendo a iniciativa do Xeoparque Cabo Ortegal, e MardaPobra, onde as mariscadoras colaboran co Concello para amosar o seu traballo. En Xove abordamos a cultura marítima, coñecendo de cerca a experiencia Eu fun de vivo, recuperando o patrimonio inmaterial de San Andrés de Teixido, e aAntena vinculado á historia dos naufraxios na Costa da Morte.

Hai uns días estivemos en Cariño, onde participaron proxectos que fomentan o coñecemento do sector pesqueiro a través de visitas de pesca turismo e turismo mariñeiro. Dende Sanxenxo compartimos a experiencia de Mariñeiro por un día, referente a nivel nacional en iniciativa de pesca turismo; e dende Redondela contamos con Amarturmar, onde as mariscadoras a pé da enseada de San Simón dan a coñecer o seu oficio artesanal. Nas vindeiras semanas estaremos en Cervo coñecendo novas experiencias inspiradoras!

 

Redeiras e mariscadoras amosan os seus oficios nos IES galegos

Un dos maiores retos aos que se enfronta o sector pesqueiro en Galicia é o do relevo xeracional. Vilas mariñeiras que creceron grazas á pesca, ao marisqueo, ao traballo nas conserveiras ou á reparación das redes de pesca…oficios que, no presente, perderon influencia económica e social. Nalgúns casos, estes oficios son grandes descoñecidos pola mocidade local, polo que mariscadoras e redeiras do Ortegal e da Costa da Morte están desenvolvendo obradoiros en institutos, nos que amosan o seu traballo. Queremos agradecer á mocidade a súa curiosidade e participación nos obradoiros!

Pero nas escolas do mar non só as mulleres amosan as súas profesións, senón que a rapazada indaga, a través de imaxes e obxectos, no seu entorno familiar e social, para atopar cales son os seus vínculos co mundo do mar: nasas dos portos, fotografías familiares antigas, carnets antigos de marisqueo, vellas agullas de redes…son algúns dos tesouros que xa atopamos! Que mais nos depararán as Escolas do mar?

Colaboramos co Concello de Burela nos proxectos Ondas Limpas e Burela Alumea

O Concello de Burela vén de recibir a resolución definitiva do FEMPA, xestionado mediante o programa de axudas do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña – Ortegal. O municipio burelense desenvolverá ao longo do 2024 e 2025 dous proxectos enmarcados na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa da zona costeira, onde o Grupo de Participación Adolescente da localidade terá un papel protagonista na posta en valor do patrimonio cultural mariñeiro e o coidado medio ambiental.

 

Burela Alumea | O espello do faro

Burela é un dos 5 portos pesqueiros máis importantes en Galicia. O seu faro, unha gran estrutura material e tamén simbólica forma parte da identidade da vila (cun espazo central no seu escudo), tivo que ser reparado despois dos fortes temporais do ano 2014. Para a súa reparación empregouse unha armazón metálica, que será reparada, e se convertirá no Espello do Faro, sobre o que xirarán as actividades de recuperación do patrimonio cultural material e inmaterial. A través de obradoiros de radio e fotografía, o grupo de participación adolescente compartirá experiencias coas asociacións locais do sector pesqueiro, recompilando contidos sobre a historia mariñeira da vila, que serán plasmados nunha obra artística sobre o espello do faro, que se convertirá nun novo punto de interese de Burela Bonita.

 

Ondas Limpas

O coidado do medio ambiente é tarefa de todos e todas. Neste programa de sensibilización – acción medioambiental, desenvolveranse diversas actividades nas que a mocidade burelá, as súas familias, as asociacións locais e o sector pesqueiro, pasarán á acción poñendo en marcha distintas propostas: xornadas de recollida de lixo e plásticos nos areais, elaboración dun mural artístico participativo empregando os refugallos recuperados, e o prato forte deste proxecto, a colaboración co Burela Club de Surf na práctica deste deporte, que leva no seu ADN o coidado (e o desfrute) da natureza. A contorna da Marosa será o escenario destas actividades, das que iremos informando!