Entradas

Pesca saúde inicia a campaña nos centros de saúde!

Pesca Saúde entra nunha nova fase: arrancou a campaña de difusión nos centros de saúde galegos. Ao longo destes meses a actividade de Pesca Saúde trasládase ás rúas para difundir os beneficios dos bos hábitos saudables e o consumo de peixe e mariscos procedentes da pesca costeira artesanal.

Ao longo destes meses estaremos nos concellos de costa co posto de Pesca Saúde. E iso que significa?

  • Podes informarte da campaña
  • Levarte o receitario con propostas con peixe e marisco para replicar na túa casa
  • Probar pinchos de degustación elaborados por hostaleiras e hostaleiros locais
  • Conseguir bonos desconto para consumir nas prazas de abastos e peixerías locais

Ademais, comezan as xornadas técnicas nos territorios, onde profesionais da saúde compartirán coa cidadania saberes relacionados cos produtos do mar e a saúde. Comezamos en Moaña este venres!

Pesca Saúde nas prazas de abastos

Ao longo deste mes Pesca Saúde visita ás praceiras e praceiros para dar a coñecer o proxecto nos mercados. Pesca Saúde desenvólvese para promover o consumo de productos pesqueiros en fresco, salientando os seus valores nutricionais e a importancia de incorporar na nosa dieta hábitos de alimentación equilibrados.

Aliámonos coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027 da Consellería de Sanidade para fortalecer esta iniciativa, que comprenderá descontos en compras nas prazas de abastos e demostracións de cociña en vivo. O obxectivo é fortalecer o consumo de peixe en receitas que sexan accesibles e sinxelas de elaborar entre as poboacións locais galegas.