Entradas

Avaliación intermedia do Fondo Europeo Marítimo, de pesca e de acuicultura

A comezos deste ano acompañamos ao Grupo Local de Acción Costeira (GALP) da zona da Ría de Pontevedra na avaliación intermedia da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo.

A avaliación intermedia é un proceso clave e estratéxico, xa que axuda aos grupos a analizar como se está enfocando o FEMPA na primeira metade do período, pero tamén como está funcionando a participación e a gobernanza na toma de decisións, o enfoque das accións de animación para difundir o programa entre a poboación, ou o establecemento de alianzas e redes con outros axentes relevantes.

Ao longo deste proceso participativo, analizamos os datos de execución do programa. Esta información numérica permítenos transmitir á base social unha fotografía da xestión dos fondos no territorio. Con esta base, analizaremos coa comunidade os aspectos a mellorar, os obxectivos que é preciso reforzar, ou os colectivos a atender de maneira prioritaria. Por último, trazamos unha folla de ruta para guiar a segunda metade do período FEMPA, que será validada na Asemblea Xeral.

Foro Avaliación Intermedia

Esta semana celebramos o Encontro de conclusións do proxecto de igualdade no mar, promovido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa

A xornada contou coa benvida institucional da presidenta do GALP e patroa maior de Vilanova de Arousa, así como coa Concelleira de Igualdade do Concello de Boiro, e a intervención de Rosa Quintana, Conselleira do Mar. As conclusións e aprendizaxes ao longo destes meses foron compartidas polas propias mulleres participantes no proxecto, que tomaron a palabra no auditorio de Cabo de Cruz e foron as protagonistas do encontro. Falaron en público, proxectaron as vídeo – entrevistas previamente gravadas por elas mesmas, e fixeron preguntas e compartiron reflexións dende o público.   

O proxecto, que desenvolvemos dende Cidadanía como asistencia técnica, consistiu en tres partes: formativa (ferramentas para organizar e dinamizar reunións e xuntanzas en liña; liderado e estratexias para falar en público), informativa (organizamos xuntanzas con persoas expertas na saúde laboral das mulleres do mar, e en dereitos das profesionais do mar); e o propio encontro de conclusións, no que o obxectivo principal era que as mulleres tomasen a palabra e continúen gañando visibilidade.