Comeza Mariscadoras ConCiencia na Ría de Vigo
A Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (ANMUPESCA) da comezo a este proxecto co obxectivo de fortalecer as alianzas entre o marisqueo a pé e o ámbito científico – investigador.
O fondo da Ría de Vigo é un enclave importante en canto á extracción de bivalvos, se ben nos últimos anos os cambios globais no clima están afectando á supervivencia do produto pesqueiro e, por tanto, ao medio de vida de moitas persoas dedicadas ao marisqueo a pé, fundamentalmente mulleres.
Para adaptarse a esta situación, é fundamental tecer alianzas máis estreitas e procurar apoios noutros ámbitos, mais alá do propio sector do mar. Ao longo dos vindeiros meses percorreremos a liña de costa do fondo da Ría, visitando as zonas de extracción xunto con persoal científico – investigador, representantes dos concellos, entidades do mundo asociativo para o medio ambientais e o fomento da igualdade, e outras persoas con interese en comprender e achegar propostas para o coidado do medio mariño.
Visita ás zonas de extracción da Confraría de Redondela
Dende Chapela ata Cesantes, agradecemos as observacións e achegas de todas as persoas e entidades participantes: Confraría San Xoan de Redondela, asistencia técnica, concelleiras de medio ambiente e igualdade do Concello de Redondela, ADEGA, Future Ocean Lab da Universidade de Vigo, Xunta de Galicia co Axente de extensión pesqueira e bióloga de zona, GALP Ría de Vigo – A Guarda, e mariscadoras das confrarías de Redondela e Arcade.
As vindeiras actividades seguirán percorrendo as zonas de extracción do fondo da ría, que culminarán cunha visita á ECIMAT. Por último, celebrarase un foro no que concretar liñas de investigación que é preciso abordar para a supervivencia do marisqueo a pé como actividade, e estratexias para a transferencia entre saberes populares e científicos, para un mellor aproveitamento de coñecementos.