Acompañamos ao Centro de Investigacións Mariñas na promoción da igualdade
O 17 de marzo tivo lugar, na Universidade de Vigo, unha xornada organizada pola comisión de igualdade do Centro de Investigacións Mariñas, na que abordar a promoción da igualdade na ciencia. A xornada arrancaba coa poñencia de Capitolina Díaz, catedrática de Socioloxía, especializada en Socioloxía da Educación e Socioloxía do Xénero, que enmarcou a promoción da igualdade na ciencia no programa Horizonte Europa. O discurso centrouse en tres áreas temáticas: a igualdade como imperativo legal e normativa á que se teñen que acoller as universidades, a introdución da perspectiva de xénero nas investigacións; e a promoción dunha cultura institucional sensible ao xénero. Despois, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, compartiu coas persoas asistentes as accións que está desenvolvendo a UVigo na promoción da igualdade.
A segunda parte da xornada consistíu na xeración de grupos de traballo arredor de tres temáticas: traxectoria profesional, maternidades e paternidades, e participación e toma de decisións. Ao final da xornada obtivemos unha folla de ruta compartida para que o Centro de Investigacións Mariñas siga camiñando cara a promoción da igualdade.