Entradas

Acompañamos ás Mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero

As Mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero (MLC) son espazos privilexiados para poñer en común información, contrastar dúbidas e fortalecer a confianza entre o persoal técnico de diversas áreas que atenden a mulleres en situación de violencia e ás súas fillas e fillos. Entre outras, están compostas polos Centros de información ás mulleres, área sanitaria, forzas e corpos de seguridade do Estado, áreas educativa e social, e tecido asociativo local. O obxectivo último das MLC é prestar unha atención integral e máis coordinada que avance cara a sociedades libres de violencias machistas.

O programa formativo, liderado pola Dirección Xeral de Loita contra a violencia de xénero, levounos pola xeografía galega a concellos e mancomunidades con distintas necesidades:

  • Constituír formalmente a MLC, definindo en común obxectivos, periodicidade, responsabilidades, etc
  • Impulsar á actividade da MLC, en aqueles lugares onde o espazo de coordinación está constituído, pero atopa desafíos para o seu desenvolvemento
  • Acompañamento para a elaboración do protocolo local de coordinación, adaptado ás necesidades e recursos de cada concello

Sabías que existían estes espazos? Se queres máis información sobre estes espazos de coordinación, podes consultar esta guía.

Xornadas provinciais de impulso ás Mesas de coordinación contra a violencia machista

A Secretaría Xeral da Igualdade desenvolve dende o ano 2018 distintas iniciativas para impulsar a coordinación inter – institucional entre axentes que interveñen en procesos de violencia de xénero. A finais do ano 2022, dende Cidadania apoiamos na organización de catro xornadas provinciais, nas que participaron arredor de 90 profesionais de perfil técnico e político.

O obxectivo das xornadas centrouse na xeración dun espazo de intercambio de coñecementos sobre accións desenvoltas no ámbito municipal. Nestas xornadas leváronse a cabo faladoiros e grupos de traballo nos que promover a transferencia de experiencias de éxito postas en marcha desde os territorios en termos de intervención contra a violencia de xénero. Ademais, os espazos permitiron poñer  en común boas prácticas de coordinación e intervención, promovendo o fortalecemento da rede institucional contra a violencia de xénero.

Podes ler máis sobre as xornadas neste enlace.

Dinamización e posta en marcha das Mesas Locais de coordinación contra a violencia de xénero

En colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, estamos realizando un acompañamento a distintos concellos galegos que queren poñer en marcha ou dinamizar as Mesas Locais de coordinación inter – institucional contra a violencia de xénero.

Este espazo formativo ten como obxectivo impulsar a posta en marcha deste traballo grupal, e reforzar a participación dos e das axentes implicados nas Mesas Locais. Tamén ponse o foco en mellorar a eficiencia do espazo (establecemento de obxectivos, toma de decisións, dinamización das reunións, etc).

As Mesas Locais pretenden fortalecer a resposta institucional contra a violencia de xénero, ofrecendo unha atención integral e coordinada ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia machista. Entre os obxectivos xerais das Mesas sitúanse a detección de casos, a mellora na coordinación entre axentes implicados na loita contra a violencia de xénero para abordala de xeito integral, a formación entre profesionais e a sensibilización en igualdade de cara á sociedade.