Entradas

Encontros emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

Ao longo do 2023, a través do CERSIA, estamos a desenvolver Encontros Emprendedores para difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante o coñecemento de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

O primeiro Encontro Emprendedor xirou arredor do eixo Territorio, Paisaxe e Biodiversidade, onde 7H Cooperativa Cultural puxo en común a súa experiencia xerando a cooperativa dende o seu inicio, e destacando algúns dos proxectos mais relevantes, en clave de intervención sobre a paisaxe en clave comunitaria.

O segundo Encontro Emprendedor formulouse como un debate coas persoas participantes sobre o Modelo de Cidade, contando coas experiencias marco de DeHistoria e Estudio MMASA. O espazo permitiu reflexionar, dende o movemento veciñal e comunitario, xunto coa perspectiva urbanística, como concibimos a cidade no futuro.

No terceiro Encontro Emprendedor abordamos a temática do Cambio Climático e Resiliencia, achegándonos á experiencia de Feitoría Verde como referente na educación ambiental. Puidemos, ademais, poñer en común accións que se deben promover a nivel local para paliar os impactos negativos desta crise global.

 O vindeiro Encontro Emprendedor terá lugar o día 16 de maio, e xirará entorno á Economía Circular. Podes inscribirte neste enlace.

 

 

Organizamos encontros emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela

O Concello de Santiago vén de desenvolver o proceso arredor da Axenda Urbana 2030, co obxectivo de trazar as liñas futuras municipais a través dunha diagnose, identificando os retos principais e debuxando un plan de acción para o territorio. Durante o 2023 acompañaremos ao Concello na difusión da Axenda Urbana 2030 e a súa documentación, en constante revisión.

Unha vez por mes organizamos un Encontro Emprendedor arredor dos eixos temáticos que estruturan a Axenda Urbana. Estes encontros emprendedores teñen o dobre obxectivo de difundir a Axenda Urbana 2030, así como o de poñer en valor aquelas iniciativas empresariais, cooperativas e asociativas no territorio que xa están a desenvolver a súa actividade arredor dos eixos recollidos na Axenda Urbana 2030.