Entradas

Constitúese a Asociación das IXP dos viños de Galicia

O proxecto de cooperación das Indicacións Xeográficas Protexidas dos viños de Galicia, promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural galegos, culmina coa constitución da Asociación das IXP dos viños de Galicia. Adegueiras e adegueiros das IXP do Val do Miño – Ourense, Terras de Barbanza-Iria, Terra de Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Terras de Navia, reuníronse a finais de novembro para asinar a acta fundacional.

Entre os seus fins destaca a potenciación e promoción do desenvolvemento e coñecemento das IXP dos viños de Galicia, fomentando o recoñecemento das mesmas. A asociación tamén ten como obxectivo principal o de representar e defender colectivamente os dereitos, intereses e accións das e dos socios no ámbito social, económico, profesional, ou calquera outro relacionado coa viticultura.

Ao longo do proxecto de cooperación desenvolvéronse as xornadas dos Túnel dos Viños a nivel provincial. Estes encontros constaron dunha Masterclass e unha cata dos viños que conformar as IXP galegas. Bótalle un ollo ao acontencido no túnel de Ourense, Lugo, Vigo e A Coruña.

A Indicación Xeográfica Protexida continúa impulsando os viños e o enoturismo en Galicia

Este proxecto de cooperación promovido polos GDRs galegos, continúa o seu desenvolvemento apoiando e promovendo a calidade e identidade dos viños galegos. Neste momento estanse a celebrar as actividades de dinamización denominadas túneles do viño, onde se establece un espazo de conversa entre as institucións, as adegas e os GDRs, que impulsan conxuntamente, a través das súas actividades, a recuperación de vides e castes autóctonas e preservan a paisaxe, contribuíndo á promoción e posta en valor dos produtos, e promovendo un consumo responsable e saudable.

Nesta ocasión o anfitrión foi a IXP Val do Miño – Ourense, que celebrou unha xornada na que se abordaron a calidade dos produtos, a posta en valor do patrimonio e a recuperación de terras de cultivo. Para finalizar a xornada, celebrouse unha cata de viños.

O impulso dos viños e o enoturismo a través das IXP de Galicia

Grupos de Desenvolvemento Rural cooperan no proxecto «Dinamización e promoción das IXP de Viños de Galicia» para favorecer a comunicación e cooperación entre adegueiros, poñendo en valor a calidade dos seus viños, así como os recursos patrimoniais, paisaxísticos e gastronómicos das súas comarcas para situalas como destinos enoturísticos privilexiados, contribuíndo ao desenvolvemento da economía local e o medio rural.

Entre as actividades previstas está a realización de xornadas de animación e difusión do proxecto no territorio de cada unha das IXP, que irán seguidas da celebración dos Túneles do Viño, espazos de mostra e promoción de todas as marcas de viño das adegas colaboradoras amparadas baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida. Os túneles serán tamén espazos de degustación nos que apreciar as características diferenciais dos caldos a través de catas que se desenvolveran ao longo de todo o día, poñendo o foco nos produtos do territorio no que se celebren.