Presentado o estudo “Diagnose sociolaboral das redeiras de Galicia”
A semana pasada achegámonos á Lonxa de Malpica de Bergantiños para compartir as principais conclusións e resultados acadados no Diagnóstico sociolaboral das redeiras de Galicia, unha investigación desenvolta no 2022 e promovida polo Peirao, Federación galega de redeiras artesás.
Os obxectivos desta diagnose centráronse na delimitación do colectivo, que conta con 375 profesionais en Galicia, sendo o 91% mulleres. Ademáis, 3 de cada 4 redeiras no Estado son galegas, o que dá conta do liderado das redeiras galegas nos avances sociolaborais do colectivo. Así mesmo, desenvolveuse unha enquisa que contou cunha ampla participación, o que permitiu acadar unha imaxe realista das condicións sociolaborais do colectivo. Por último, realizamos grupos de análise e proposta para reflexionar sobre o futuro desta profesión, nos que participaron arredor de 100 redeiras.
A xornada de presentación continuou coa visita á exposición “Redeiras, unha profesión con historia”. Pode consultarse o documento aquí.