Entradas

Nova edición das romarías a través da gastronomía!

A marca Costa da Morte, Terra Atlántica presentou a seguinte publicación para a promoción do produto local, a artesanía e a gastronomía propias do territorio, moitas veces plasmadas nos eventos comunitarios das romarías.

Desta ocasión, continúase percorrendo os concellos da Costa da Morte, cunha fonda identidade expresada a través de festas, espazos de celebración e de tradición cunha importante visión comunitaria.

Saber de aldea, a festa da familia, Santa Margarita, a festa do longueirón … e moitas outras! Son algunhas das celebracións postas en valor a través das fermosísimas ilustracións de Clara Copena. Ademais, o alumnado do IES Ramón Caamaño (a través da Escola de Cociña e Restauración) deseñou a proposta das receitas, que os animamos a probar en casa!

Podes descargar o documento premendo neste enlace.

O Concello de Miño conclúe a formación no Espazo Gastronómico

A Concellería de Emprego do Concello de Miño organizou obradoiros de formación e capacitación para o emprendemento entre a veciñanza do Golfo Ártabro. O programa formativo xirou arredor das conservas e a transformación de produto pesqueiro e do agro, ao abeiro da norma técnica de Artesanía Alimentaria Galega.

Ao longo destes meses, a Casa do Pescador acolleu a un grupo de mulleres produtoras e emprendedoras que participou en distintos programas formativos. A formación tivo un carácter práctico, grazas ás posibilidades que brinda o equipamento municipal, que conta cunha cociña comunitaria. Os obradoiros contaron co liderado de Paula Patiño, do Laboratorio de arte culinario A Castrexa. Os itinerarios formativos xiraron arredor de:

  • Elaboracións artesanais en conserva de produto pesqueiro
  • Elaboracións de produto pesqueiro e horta en fresco
  • Novas formas de elaboración e transformación de produto pesqueiro e horta

Así mesmo, o grupo que participou na formación visitou a confraría de pescadores de Miño e Os Biosbardos, referentes en cultura de leira e produción artesanal de produtos do agro.

A formación permitiu xerar redes profesionais entre mulleres con traxectorias e profesións ben diversas, adquirir novos coñecementos e técnicas, e xerar ideas de emprendemento colectivo.