Entradas

Publícase a caixa de ferramentas para as Mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero

Un dos obxectivos da Secretaría Xeral da Igualdade é o de apoiar e impulsar a creación de Mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, espazos colectivos nos que optimizar a cooperación de todas as institucións e entidades implicadas na loita contra a violencia de xénero.

Unha vez constituídas formalmente, as persoas que forman parte das mesas locais atopan dificultades e atrancos en distintos momentos, que abordamos nesta Caixa de ferramentas. Despois de varias xuntanzas de traballo cun grupo de profesionais con traxectoria na coordinación e liderado das mesas locais nos seus territorios, acordamos elaborar guías cos seguintes contidos:

  • A primeira delas céntrase nos mecanismos de difusión dos servizos para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero
  • Na segunda guía preséntase como organizar unha actividade para chegar á cidadanía. Unha proposta práctica que orienta a realización dun encontro con entidades e colectivos de mulleres.
  • Na terceira guía móstranse diferentes metodoloxías de traballo para a dinamización das xuntanzas das MLC.
  • Na última guía recóllese o proceso para deseñar un protocolo municipal de intervención ante situacións de violencia de xénero, con pautas de traballo que faciliten a súa planificación, adaptado aos recursos do territorio.

As guías inclúen tamén diferentes modelos de documentos de traballo, en formato editable. Esperamos que sexan documentos útiles e prácticos, que apoien e motiven á posta en marcha de actuacións coordinadas no seo das mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero.