O impulso dos viños e o enoturismo a través das IXP de Galicia
Grupos de Desenvolvemento Rural cooperan no proxecto «Dinamización e promoción das IXP de Viños de Galicia» para favorecer a comunicación e cooperación entre adegueiros, poñendo en valor a calidade dos seus viños, así como os recursos patrimoniais, paisaxísticos e gastronómicos das súas comarcas para situalas como destinos enoturísticos privilexiados, contribuíndo ao desenvolvemento da economía local e o medio rural.
Entre as actividades previstas está a realización de xornadas de animación e difusión do proxecto no territorio de cada unha das IXP, que irán seguidas da celebración dos Túneles do Viño, espazos de mostra e promoción de todas as marcas de viño das adegas colaboradoras amparadas baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida. Os túneles serán tamén espazos de degustación nos que apreciar as características diferenciais dos caldos a través de catas que se desenvolveran ao longo de todo o día, poñendo o foco nos produtos do territorio no que se celebren.