Entradas

Indagamos en experiencias de liderados xuvenís transformadores

Solidariedade Internacional de Galicia promove o proxecto Liderados Xuvenís Transformadores, onde indagamos sobre experiencias de activismo promovidas pola mocidade galega. Xunto co grupo de investigación da Universidade da Coruña ECIGAL, achegámonos ás motivacións e prácticas desenvoltas por rapazas e rapaces ao longo da xeografía galega.

Co obxectivo de xerar coñecemento sobre a participación e os activismos xuvenís, achegámonos ás iniciativas para coñecer a súa “historia de vida”: abordando os fitos, as alianzas, as accións e reflexións, a as motivacións transformadoras, construímos unha reflexión colectiva sobre o sentido das experiencias da mocidade.

Comezamos en Vigo co Comando Igualdade, unha experiencia que nace no IES Alexandre Bóveda pola curiosidade dun grupo de rapazas para achegarse ao feminismo e rachar co patriarcado dende as aulas. Unha iniciativa que trascendeu do barrio de Coia a outros colexios e institutos, e que recolle a súa andaina nesta publicación.

En Lugo compartimos unha conversa ben interesante con AVANTE LGTB+, un grupo que reactivou a manifestación no día do orgullo, e que organizan actividades de sensibilización e ocio dunha maneira autoxestionada.

En Noia puidemos coñecer a iniciativa Voga Voga, que forma parte da Aula Sostible do Freixo, onde mozos e mozas organizan recollidas de lixo plástico nos areais, que despois transforman en obxectos útiles como agullas para as redeiras, mosquetóns para as mariscadoras a pé, chaveiros, e moitas cousas máis!

En Vilar de Santos están as Xingras da Arca, un grupo de nenas e rapazas que tocan a pandeireta e cantan, ademais de organizarse para fortalecer o uso da lingua galega e da cultura do rural galego. Ademais de participar en actuacións ao longo de Galicia onde comparten as súas cancións, tamén recuperan cancións tradicionais da veciñanza, mantendo viva a lingua.