Entradas

Mariscando conCiencias para o Futuro continúa a súa singradura

Redondela é o lugar que reúne ás persoas e entidades que colaboramos no proxecto Mariscando conCiencias para o Futuro. Comezamos a singradura con varios obradoiros interxeracionais onde percorrimos o pasado da pesca costeira artesanal, coñecendo técnicas, paisaxe, saberes e fitos comunitarios do sector pesqueiro redondelán. Un espazo de reflexión e toma de conciencia do legado do mar no territorio.

Navegando cara ao presente, AMARTURMAR liderou tres visitas ás zonas de marisqueo, nas que participaron o CEIP Reboreda, o CEIP Laredo, e a Asociación Lenda. Mais de 100 persoas aprendimos sobre os oficios da pesca artesanal, procuramos ameixas na zona intermareal e, da man do Future Oceans Lab, destacamos os retos ambientais aos que se enfronta de maneira especial o marisqueo a pé.

Rematamos este percorrido facendo recollidas de lixo, de onde queremos compartir con vós unha das frases que reflicten a realidade do sector e que serven como reflexión e para a concienciación: “custounos tres horas atopar un puñado de ameixas, e en tres minutos enchemos capachos enteiros de lixo”. Mira o vídeo!

E co bo tempo arrancou o Artelixo 2026! Ao longo do mes de marzo realizamos os obradoiros chamados “pezas de 3 miradas”, onde unha artista, unha mariscadora e unha investigadora colaboraron para crear unha obra artística e participar do festival comunitario. Este ano, Artelixo xirou entorno á temática “ata aquí chegaba o mar”, e contou coa participación de máis de cen entidades e artistas colaboradoras. Podes ler mais sobre Artelixo: Volve Artelixo a Redondela |Arte para a concienciación social

Pasado, presente…e futuro! Mariscando conCiencias para o futuro continúa a través da pesca costeira artesanal arredor do mundo, os tres horizontes da zona costeira, o plan de acción sostible das entidades e o prato forte: a peza de danza. Empregaremos o corpo como ferramenta de reflexión, investigación e creación, en espazos liderados polo colectivo composto por Xochitl Édua, Eva Comesaña, Alejandra Balboa e Paula Pombar.

Mariscando conCiencias para o Futuro é posible grazas ao financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso, na súa liña de financiamento Arte Cidadá: compoñendo saberes para imaxinar e construír futuros sostibles.

Xeración peixe!

A Fundación Expomar promove Xeración Peixe! unha iniciativa dirixida á infancia e á adolescencia para promover o consumo de produto pesqueiro fresco. A través de distintas actividades, a mocidade continuará coñecendo o mundo do mar dende a investigación, a gastronomía, a cultura, o coidado do medio ambiente e a artesanía.

A mocidade burelá está participando en diversas actividades arredor do mundo do mar e o produto pesqueiro en fresco:

  • investigación sobre os hábitos de consumo de peixe entre as familias
  • certame literario sobre o mundo do mar
  • elaboración dun receitario de sabores mariñeiros tradicionais
  • limpeza de praias e exposición de crebas mariñas, xunto co CEIP Os Castros e CEIP Vista Alegre
  • elaboración dunha proposta gastronómica de peixe, en colaboración coa Escola de Hostelería de Foz

Todas estas actividades culminarán no mes de abril nun congreso de mocidade no que se afondará na vinculación da rapazada co mar e o consumo do produto pesqueiro en fresco.

Ademais, a semana pasada tivemos un obradoiro interxeracional moi emotivo, liderado polo Grupo de Participación Adolescente do Concello de Burela, que visitou ao Centro de día Coidando de Vós. As participantes compartiron coa mocidade a súa vida vinculada ao mar, unhas testemuñas que se poderán escoitar no Congreso!

 

Pesca Saúde nas prazas de abastos

Ao longo deste mes Pesca Saúde visita ás praceiras e praceiros para dar a coñecer o proxecto nos mercados. Pesca Saúde desenvólvese para promover o consumo de productos pesqueiros en fresco, salientando os seus valores nutricionais e a importancia de incorporar na nosa dieta hábitos de alimentación equilibrados.

Aliámonos coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027 da Consellería de Sanidade para fortalecer esta iniciativa, que comprenderá descontos en compras nas prazas de abastos e demostracións de cociña en vivo. O obxectivo é fortalecer o consumo de peixe en receitas que sexan accesibles e sinxelas de elaborar entre as poboacións locais galegas.

O pasado da pesca costeira artesanal na enseada de San Simón

Mariscando conCiencias para o Futuro continua a súa singradura en Redondela. A finais do 2025 o proxecto iniciábase con obradoiros participativos nos que xuntarmos persoas do sector pesqueiro xubiladas e en activo, persoas do ámbito científico, e entidades vencelladas á cultura e á historia de Redondela. Grazas a estas conversas desvelamos momentos clave que viviu o sector, loitas colectivas, xestión do territorio e soberanía alimentaria. A relación entre o campo e o mar, os cambios medio ambientais e a adaptación dos oficios a esta realidade foron algúns dos puntos clave que xeraron debate entre as persoas asistentes.

O ámbito artístico toma o protagonismo neste trimestre: o colectivo Artelixo está traballando para plasmar estas conversas en murais visuais, que se poidan inaugurar no contexto do Festival Artelixo, previsto para o mes de abril. Así mesmo, o colectivo de danza comezará os seus ensaios de maneira pública, nunha sala do Edificio Multiusos. As bailarinas visitaron ás mariscadoras nunha xornada de marisqueo a pé, para inspirarse en movementos, sensacións e coñecer de primeira man o traballo das mulleres do mar.

Así mesmo, neste trimestre os colexios de Redondela visitarán os areais, sendo mariscadores por un día: aprenderán sobre os oficios da pesca costeira artesanal da man das e dos profesionais integrados en AMARTURMAR. Ademais, xunto co Concello, realizaremos recollidas de lixo, que será utilizado para a presentación de obras artísticas no Festival Artelixo. O alumnado é motor de cambio e futuro, por iso pasarán á acción contra o lixo mariño.

Se queres saber máis, escoita esta entrevista en Radio Redondela, consulta o artigo na Peneira, e séguenos nas redes do equipo!

Pesca Saúde: o noso mar faiche ben

Pesca Saúde é un proxecto de cooperación promovido por sete Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, coordinado polo territorio Costa Sostible – Ría Muros Noia.

O proxecto ten por obxectivo poñer o foco na alimentación equilibrada, vinculando o benestar da poboación co consumo de produtos pesqueiros frescos. Aprenderemos como inflúe na nosa saúde incorporar hábitos saudables, neste caso a través da cociña e do produto local.

Ao longo de Pesca Saúde colaboraremos co persoal sociosanitario galego, coas peixeiras e os mercados de abastos, e co ámbito da restauración para xerar unha linguaxe común e unha mensaxe que reforce hábitos alimentarios de calidade.

Atadeiras | A gobernanza das redeiras da Guarda

A Asociación de redeiras do Baixo Miño Atalaia pon en marcha o proxecto Atadeiras, que ten por obxectivo aumentar a súa gobernanza mediante o reforzo das capacidades persoais e as lóxicas asociativas.

Ao longo desta iniciativa formarémonos en habilidades de comunicación, sacaremos á luz a historia de vida da asociación tras 20 anos de traxectoria profesional, e aprenderemos sobre o modelo cooperativo e a súa aplicación á entidade.

Pretendemos, ademais, aumentar a visibilidade do colectivo, mediante vídeos e fotografías tomadas por Brais Lorenzo, e a xeración dunha páxina web deseñada por Marta Villar. Ademais, contaremos coa visión creativa de Amalia Puga para dotar á nave dunha identidade que transmita os valores do sector pesqueiro.

Atadeiras é posible grazas ao apoio do GALP Ría de Vigo – A Guarda, a través do FEMPA.

 

Conclúe Miranda, un futuro cara o mar en Cariño

A Asociación profesional de redeiras de Cariño desenvolveu un proxecto para poñer en valor os seus oficios entre a rapazada. Onte tivo lugar a xornada de posta en valor de resultados, onde as mulleres do mar e representantes institucionais compartiron os retos e os pasos de futuro para dar continuidade a esta iniciativa.

A xornada contou coa benvida de Ana López, alcaldesa do Concello de Cariño, e os parabéns de Ángeles Vázquez Suárez, Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Ademais, Rocio Fernandez, presidenta da Asociación, fixo un discurso emotivo e decidido sobre a importancia destas iniciativas para asegurar o futuro destas profesións feminizadas.

Animámosvos a seguirlles a pista, a visitar a nave das redeiras para coñecer este oficio tradicional, feminizado e artesanal. Non perdades a oportunidade se vivides na Mariña ou pasades as vacacións, xa que estaredes fortalecendo un sector fundamental para o mar.

A Xunta de Galicia fíxose eco desta xornada na súa nova “A Xunta destaca  o papel das mulleres no sector do mar e o seu liderado para afrontar os retos presentes e futuros da actividade pesqueira en Galicia”

Surfeando Ondas Limpas en Burela

A mocidade burelá deuse cita na praia da Marosa para participar nunha das actividades centrais do proxecto Ondas Limpas. Ao longo de seis grupos durante dúas xornadas, veciñas e veciños de Burela iniciáronse na práctica do surf e surkskate, da man do Burela Surf Club, unha asociación local que vincula a práctica deste deporte co coidado do medio mariño e a súa contorna.

Ademáis, os artistas locais Belen Mogo e Martin Lestao están liderando a elaboración dunha obra mural participativa no local cedido polo Concello ao Burela Surf Club. O mural mestura motivos mariñeiros e deportivos coa sostibilidade e a reutilización dos refugallos, xa que moitas partes do mural están compostas por materiais recollidos en encontros nos areais de Burela. A primeira fase para a elaboración do mural desenvolveuse na Asociación Camiña e nos CEIPs locais, Vista Alegre e Virxe do Carme, onde as rapazas e os rapaces elaboraron pezas que serán instaladas no muro. Ao longo desta semana estanse unindo outras entidades como a Fundación Eu Son e Saúde Mental A Mariña.

Liderados polo Centro de educación medio ambiental GAIA do Concello de Burela, entidades locais de inclusión, CEIPs e entidades medioambientais recolleron lixo mariño nas praias de Burela, foron almacenados e agora serán empregados para concienciar a veciñanza e visitantes a través da súa reutilización.

Ondas limpas despregou unha programación de actividades diversas para aumentar a participación veciñal e aprender que é posible coidar do medio ambiente a través da arte, do deporte e do activismo. Ter o privilexio de desfrutar da natureza pasa por comprometernos a coidala.

Celébrase unha sesión temática da Rede de Turismo Pesqueiro de España

O pasado xoves tivo lugar, na casa do Concello de Burela, unha sesión da Red de Turismo Pesquero de España organizada pola Fundación Expomar, que conta con financiamento europeo a través da Secretaría de Estado de Turismo.

En Burela deuse a coñecer a Rede á veciñanza, presentando a súa razón de ser e o seu funcionamento. Así mesmo, contouse con experiencias exitosas de pescaturismo e valorización do patrimonio cultural en Galicia.

Na zona da Mariña – Ortegal, Serxio Muíño Freire compartiu coas persoas asistentes a iniciativa Eufundevivo, que amosa Santo Andrés de Teixido poñendo en valor a autenticidade, a tradición e a historia do pobo investigando e interpretando distintos recursos do territorio. Ademais, Sauro Martínez compartiu a súa experiencia de pescaturismo Mariñeiro por un día!, onde as persoas poden acompañar aos profesionais do Playa de Sanxenxo nunha xornada de pesca artesanal na Ría de Pontevedra.

Despois, o Concello de Burela puxo en valor as actividades apoiadas para poñer en valor o patrimonio cultural e a actividade pesqueira que define a Burela como un dos cinco grandes portos galegos: o barco museo boniteiro, a ruta do mar e do barro, as festas patronais, e a propia gastronomía a partir do produto pesqueiro, son algúns dos recursos desta vila mariñeira.

Por último, a xornada rematou cunha proposta cultural arredor da música de raíz, con Xabier Blanco & Marina Ferradás, que amenizaron a xornada coa súa proposta musical acompañada duns petiscos pesqueiros e viños da terra.

 

Mariscadoras ConCiencia conclúe nun encontro no Museo Meirande

O proxecto Mariscadoras ConCiencia, financiado polo GALP Ría de Vigo – A Guarda a través do programa FEMPA, vén de concluir nunha xornada final no Museo Meirande (Redondela). Neste post queremos poñer en valor as actividades desta iniciativa, desenvolta entre o 2024 e o 2025.

Ao longo do ano pasado Mariscadoras ConCiencia centrouse en establecer redes de contacto entre as mariscadoras a pé do fondo da Ría de Vigo e o persoal científico técnico, tamén instalado nesta zona costeira. Visitas a pé ás zonas de extracción das confrarías de Redondela, Arcade e Vilaboa foron o escenario de intercambio de información e saberes, aos que tamén se achegaron entidades medioambientais e persoal técnico e político dos concellos.

 

No mes de outubro o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo abriunos as súas portas na ECIMAT, onde persoal investigador de referencia en bivalvos e medio mariño amosounos os laboratorios e compartiu as principais liñas de investigación que se están a desenvolver. Nesta xornada puidemos poñer en común a necesidade de establecer mais espazos como este, e apoiarnos en redes xa creadas para coordinarnos e informarnos mellor sobre os avances científicos que afectan ao noso sector.

Unha vez recompilada a información e as achegas das máis de 15 entidades que se implicaron en Mariscadoras ConCiencia, celebramos en Arcade un Foro no que ordenar a información e procurar novas formas de dar continuidade a este proxecto. O foro puxo de manifesto a dificultade para concretar propostas, se ben perfiláronse algunhas liñas de futuro. Toda a información deste foro recompílase nun Catalogo de necesidades e propostas.

Xa entrado o 2025, Mariscadoras ConCiencia propúxose dar a coñecer á mocidade a importancia das mulleres do mar para a sostibilidade do sector e do medio mariño. Mariscadoras a pé con ampla experiencia no sector compartiron co alumnado do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo a súa vivencia como mulleres do mar, tanto no produtivo como no ámbito da xestión e gobernanza.

Así mesmo, un grupo de mariscadoras achegouse ao IES Soutomaior para propoñerlle un reto ao alumnado: deseñar un proxecto de economía circular co lixo mariño que recollen as mulleres do mar. Un encontro cheo de creatividade onde a rapazada amosou a súa capacidade e motivación para poñer en valor un material que, de outra maneira, sería un residuo.

A semana pasada celebrouse a xornada final, un evento no que poñer en valor as actividades realizadas e transmitir ás persoas e entidades participantes, e á veciñanza en xeral, os resultados de Mariscadoras ConCiencia. Gustaríanos salientar e agradecer a participación das entidades que se implicaron ao longo do proxecto, xa que nos aportaron moito ante a difícil situación que atravesa o marisqueo a pé.

A xornada final foi o momento escollido polo Future Oceans Lab, un grupo de investigación vinculado ao Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo, para anunciar que collerán o testigo desta iniciativa promovendo o “Estudo do marisqueo a pé en Galicia e elaboración dun protocolo de coordinación na Ría de Vigo”, co obxectivo de recompilar e dar un sentido integral aos múltiples estudos realizados arredor dos bivalvos e o medio mariño en Galicia, para deseñar e poñer en práctica solucións concretas.