Entradas

Elaboramos e presentamos o panel de hábitos saudables no traballo das mulleres do mar

Nos últimos meses estivemos traballando, xunto coa Asociación de mulleres do sector pesqueiro Seo Fisterra – Ría de Muros Noia e o GALP Costa Sostible, na elaboración dun panel que recolle boas prácticas para coidar a saúde no ámbito laboral das mulleres do mar. O panel construíuse colectivamente, despois dun proceso formativo da man de profesionais da saúde que formaron ás mulleres en aspectos como o coñecemento corporal e fisiolóxico do corpo, a identificación de patoloxías derivadas da actividade laboral, a prevención de enfermidades asociadas ao xénero e a idade, o benestar emocional e o auto-coidado, ou a adquisición de hábitos saudables. O resultado do proxecto é un panel de saúde, que está visible en distintos puntos de encontro (lonxa, confraría, punto de control…) nos que as profesionais do marisqueo desenvolven o seu traballo.

Traballamos coas mulleres do mar da Mariña – Ortegal na construción da súa memoria e identidade colectiva

Neste proxecto promovido polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro A Mariña – Ortegal no 2020 afondamos na memoria profesional dos colectivos de redeiras e mariscadoras a pé dos concellos de Cedeira, Cariño, Mañón (O Barqueiro) e Burela.

A través de reunións en pequenos grupos de mulleres, abordamos anécdotas da súa vida ligada ao mar, fitos importantes que marcaron momentos clave para a mellora dos seus dereitos profesionais, e mulleres referentes que abriron camiño. Con estas conversas e apoiándonos en documentos gráficos e obxectos, fomos construíndo unha identidade colectiva de ambas profesións no territorio, recoñecendo os avances acadados, e tamén os retos que redeiras e mariscadoras identifican nas súas profesións.

Agradecemos ás asociacións de redeiras e ás agrupacións de mariscadoras a súa xenerosidade compartindo tantas historias que merecen recoñecemento, e que coa súa experiencia profesional e a súa actitude seguen construíndo un sector pesqueiro máis igualitario.

Esta semana celebramos o Encontro de conclusións do proxecto de igualdade no mar, promovido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa

A xornada contou coa benvida institucional da presidenta do GALP e patroa maior de Vilanova de Arousa, así como coa Concelleira de Igualdade do Concello de Boiro, e a intervención de Rosa Quintana, Conselleira do Mar. As conclusións e aprendizaxes ao longo destes meses foron compartidas polas propias mulleres participantes no proxecto, que tomaron a palabra no auditorio de Cabo de Cruz e foron as protagonistas do encontro. Falaron en público, proxectaron as vídeo – entrevistas previamente gravadas por elas mesmas, e fixeron preguntas e compartiron reflexións dende o público.   

O proxecto, que desenvolvemos dende Cidadanía como asistencia técnica, consistiu en tres partes: formativa (ferramentas para organizar e dinamizar reunións e xuntanzas en liña; liderado e estratexias para falar en público), informativa (organizamos xuntanzas con persoas expertas na saúde laboral das mulleres do mar, e en dereitos das profesionais do mar); e o propio encontro de conclusións, no que o obxectivo principal era que as mulleres tomasen a palabra e continúen gañando visibilidade.