Entradas

Arrancan os orzamentos participativos da mocidade de Compostela

De cara a 2024, acompañamos ao Departamento de Xuventude do Concello de Santiago no proceso de Orzamentos Participativos. A mocidade compostelá entre 16 e 30 anos que residan, estuden ou traballen en Santiago de Compostela decidirán o destino de 100.000 € para a programación de actividades que se desenvolverán ao longo do ano que vén.

Os orzamentos participativos contarán con dúas fases fundamentais: a presentación de propostas e a votación a través de medios telemáticos. A fase de presentación de propostas combinará a modalidade presencial e en liña, para o que comezamos a achegarnos aos institutos compostelás para informar sobre o inicio do proceso e desenvolver obradoiros de reflexión conxunta e presentación de propostas. As temáticas das propostas xiran arredor do lecer, o medio ambiente, a igualdade, a inclusión, a cultura ou o voluntariado.