Entradas

Encontros emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

Ao longo do 2023, a través do CERSIA, estamos a desenvolver Encontros Emprendedores para difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante o coñecemento de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

O primeiro Encontro Emprendedor xirou arredor do eixo Territorio, Paisaxe e Biodiversidade, onde 7H Cooperativa Cultural puxo en común a súa experiencia xerando a cooperativa dende o seu inicio, e destacando algúns dos proxectos mais relevantes, en clave de intervención sobre a paisaxe en clave comunitaria.

O segundo Encontro Emprendedor formulouse como un debate coas persoas participantes sobre o Modelo de Cidade, contando coas experiencias marco de DeHistoria e Estudio MMASA. O espazo permitiu reflexionar, dende o movemento veciñal e comunitario, xunto coa perspectiva urbanística, como concibimos a cidade no futuro.

No terceiro Encontro Emprendedor abordamos a temática do Cambio Climático e Resiliencia, achegándonos á experiencia de Feitoría Verde como referente na educación ambiental. Puidemos, ademais, poñer en común accións que se deben promover a nivel local para paliar os impactos negativos desta crise global.

 O vindeiro Encontro Emprendedor terá lugar o día 16 de maio, e xirará entorno á Economía Circular. Podes inscribirte neste enlace.