Entradas

Publícase a caixa de ferramentas para as Mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero

Un dos obxectivos da Secretaría Xeral da Igualdade é o de apoiar e impulsar a creación de Mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, espazos colectivos nos que optimizar a cooperación de todas as institucións e entidades implicadas na loita contra a violencia de xénero.

Unha vez constituídas formalmente, as persoas que forman parte das mesas locais atopan dificultades e atrancos en distintos momentos, que abordamos nesta Caixa de ferramentas. Despois de varias xuntanzas de traballo cun grupo de profesionais con traxectoria na coordinación e liderado das mesas locais nos seus territorios, acordamos elaborar guías cos seguintes contidos:

  • A primeira delas céntrase nos mecanismos de difusión dos servizos para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero
  • Na segunda guía preséntase como organizar unha actividade para chegar á cidadanía. Unha proposta práctica que orienta a realización dun encontro con entidades e colectivos de mulleres.
  • Na terceira guía móstranse diferentes metodoloxías de traballo para a dinamización das xuntanzas das MLC.
  • Na última guía recóllese o proceso para deseñar un protocolo municipal de intervención ante situacións de violencia de xénero, con pautas de traballo que faciliten a súa planificación, adaptado aos recursos do territorio.

As guías inclúen tamén diferentes modelos de documentos de traballo, en formato editable. Esperamos que sexan documentos útiles e prácticos, que apoien e motiven á posta en marcha de actuacións coordinadas no seo das mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero.

Continuamos coa formación dirixida ás Mesas Locais de Coordinación contra a violencia machista

As Mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero teñen por obxectivo constituír un espazo conxunto no que compartir recursos, información e pautas de intervención para a mellora da atención integral ás vítimas de violencias machistas.

Durante este acompañamento nos concellos galegos, analizamos o desesenvolvemento da Mesa local de coordinación dende a súa constitución, identificamos aqueles fitos acadados e tamén os puntos a mellorar, e realizamos propostas de actuación concretas que reforcen a operatividade da Mesa local de coordinación.

Esta formación, ofertada por parte da Secretaría Xeral da Igualdade, pretende apoiar aos concellos galegos na coordinación e atención ás mulleres en situación de violencia, xerando un espazo no que os Centros de Información ás mulleres (CIM) e servizos sociais, centros de saúde, forzas e corpos de seguridade do Estado, persoal político e o ámbito xudicial poidan compartir información para mellorar a atención ás mulleres en situación de violencia machista.

A Secretaría Xeral da Igualdade celebra unha xornada técnica dirixida aos Centros de Información á Muller

O mércores 25 de outubro desenvolveuse unha xornada na Cidade da Cultura dirixida ás profesionais dos Centros de información ás mulleres (CIM), ao persoal técnico de servizos sociais e responsables políticos dos concellos galegos. Sandra Vázquez Domínguez, Secretaria Xeral da Igualdade, deu a benvida á xornada e presentou os obxectivos do encontro.

Dúas técnicas do grupo de traballo que colaboraron no deseño da caixa de ferramentas, presentaron os contidos das guías, elaboradas para apoiar á actividade das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. A caixa de ferramentas inclúe materiais para a elaboración de protocolos de actuación, a organización de xornadas co tecido asociativo local, a divulgación de información arredor das mesas locais de coordinación á veciñanza, e unha proposta de metodoloxía para o traballo das mesas.

Na segunda parte da xornada desenvolveuse una Mesa Redonda moderada por Patricia Fernández López, Subdirectora Xeral para o tratamento da violencia de xénero, onde se presentaron diversos servizos e programas para a detección e abordaxe dos casos de violencia contra as mulleres. Na Mesa Redonda participaron representantes dos seguintes recursos:

  • Quenda de garda psicolóxica para mulleres e menores en situación de violencia de xénero (Colexio Oficial de Psicoloxía)
  • Atención psicolóxica e proceso de denuncia (Centro de Recuperación Integral)
  • A atención primaria na prevención da violencia de xénero (SERGAS)
  • A atención ás mulleres vítimas da trata e da explotación sexual (Rede Galega contra a Trata)

A xornada finalizou cun espazo de encontro entre profesionais, no que as 100 persoas asistentes compartiron información e intercambiaron experiencias.

Acompañamos ás entidades locais no reforzo da coordinación contra as violencias machistas

Ao longo do 2023 continuaremos traballando con distintos concellos galegos na posta en marcha das Mesas de coordinación inter – institucional contra a violencia de xénero. Ademais, reforzaremos as dinámicas de Mesas xa constituídas que precisen dun impulso para mellorar o seu funcionamento, definindo estratexias para salvar obstáculos aos que se enfrontan estes espazos e detectando posibles necesidades dos ámbitos participantes.

Esta formación, ofertada por parte da Secretaría Xeral da Igualdade, pretende apoiar aos Concellos galegos na coordinación e atención ás mulleres en situación de violencia, xerando un espazo no que os Centros de Información ás mulleres (CIM) e servizos sociais, centros de saúde, forzas e corpos de seguridade do Estado, persoal político e o ámbito xudicial poidan compartir información para mellorar a atención ás mulleres en situación de violencia machista.