Entradas

Cidadania recibe o premio á excelencia empresarial do Concello de Santiago

Onte celebrouse, no Concello de Santiago, a entrega de premios da III Convocatoria á excelencia empresarial, onde o ámbito municipal recoñece as boas prácticas de empresas vinculadas a Santiago de Compostela. Os premios son unha iniciativa que parte da Axenda Urbana 2030 e do CERSIA, propoñendo distintas categorías que axudan, a través do desenvolvemento económico, a construír unha cidade mellor.

Queremos agradecer ao Concello de Santiago este recoñecemento institucional, xa que tras 25 anos de traxectoria cooperativa, fainos moitísima ilusión recibir este galardón. Así mesmo, parabéns a todas as empresas que participaron enviando a súa candidatura aos premios, e ás empresas gañadoras en cada categoría!

Preséntase a diagnose da fenda salarial na USC

A Oficina de Igualdade de xénero da USC, baixo a coordinación do Centro Interdisciplinario de Investigacións e Estudos de Xénero (CIFEX) desenvolveu durante o ano 2023 unha diagnose sobre a fenda salarial e os atrancos na carreira das profesoras e investigadoras desta Universidade.

A metodoloxía do estudo abrangueu a análise de datos primarios e a realización de entrevistas grupais, onde se afondou nas causas xeradoras das asimetrías salariais, entre as que se atopan aspectos relacionados coa situación familiar e de coidados das investigadoras e docentes, pero tamén as inercias do sistema universitario. O informe pode consultarse no seguinte enlace.

 

Conclusións

Como idea central pódese afirmar que hai diferenzas de xénero entre os colectivos de mulleres e homes PDI da USC. Os datos amosan diferenzas a nivel de representación nas categorías profesionais e na consolidación en postos de maior recoñecemento, pero tamén a nivel de participación dentro dos espazos e toma de decisión, o que ten efectos directos no recoñecemento de méritos e nas retribucións percibidas.