Entradas

Constitúese a Asociación das IXP dos viños de Galicia

O proxecto de cooperación das Indicacións Xeográficas Protexidas dos viños de Galicia, promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural galegos, culmina coa constitución da Asociación das IXP dos viños de Galicia. Adegueiras e adegueiros das IXP do Val do Miño – Ourense, Terras de Barbanza-Iria, Terra de Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Terras de Navia, reuníronse a finais de novembro para asinar a acta fundacional.

Entre os seus fins destaca a potenciación e promoción do desenvolvemento e coñecemento das IXP dos viños de Galicia, fomentando o recoñecemento das mesmas. A asociación tamén ten como obxectivo principal o de representar e defender colectivamente os dereitos, intereses e accións das e dos socios no ámbito social, económico, profesional, ou calquera outro relacionado coa viticultura.

Ao longo do proxecto de cooperación desenvolvéronse as xornadas dos Túnel dos Viños a nivel provincial. Estes encontros constaron dunha Masterclass e unha cata dos viños que conformar as IXP galegas. Bótalle un ollo ao acontencido no túnel de Ourense, Lugo, Vigo e A Coruña.

Comezan os túnel dos viños das IXPs de Galicia

Os Grupos de Desenvolvemento Rural galegos desenvolven este proxecto de cooperación arredor da actividade das adegas galegas e a posta en valor da calidade dos viños que producen.

O mes de outubro desenvolveranse os túnel do viño, que consisten na celebración de catas sobre os viños vinculados ás Indicacións Xeográficas Protexidas, comentadas polo sumiller Martiño Santos Canosa, e dirixidas a persoas do sector da hostelería e ao público xeral. Así mesmo, celebraranse Masterclass da man de Luis e Alejandro Paadin.

Anota as datas!

Martes 10 de Outubro – Edificio da Deputación Provincial de Lugo (Lugo)
Luns 16 de Outubro – Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense)
Luns 23 de Outubro – Espacio Muta (Vigo)
Luns 30 de Outubro – Aula de cata Paadín (A Coruña)

Podes inscribirte de balde no seguinte enlace.

As IXPs dos viños galegos continúan medrando

Xa son 5 as comarcas incluídas nas Indicacións Xeográficas Protexidas dos viños galegos: Ribeiras do MorrazoBarbanza e IriaBetanzosVal do Miño-Ourense e a recentemente incorporada Terras do Navia. As IXPs do viño galego teñen o obxectivo de impulsar o sector vitivinícola, establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

A semana pasada reunímonos coas adegas participantes, os Grupos de Desenvolvemento Rural promotores da iniciativa, e AGACAL, para definir as accións a desenvolver despois do verán. Destacan a creación e posta en marcha da asociación de adegas das IXP de viños de Galicia, avanzar na mobilización ou recuperación da terra agraria para aumentar a base territorial das explotacións vitícolas, a creación de itinerarios enoturísticos nas IXP de Viños de Galicia ou a celebración de catas comentadas de viños das IXP de Galicia. Pronto poderemos contar máis!

O impulso dos viños e o enoturismo a través das IXP de Galicia

Grupos de Desenvolvemento Rural cooperan no proxecto «Dinamización e promoción das IXP de Viños de Galicia» para favorecer a comunicación e cooperación entre adegueiros, poñendo en valor a calidade dos seus viños, así como os recursos patrimoniais, paisaxísticos e gastronómicos das súas comarcas para situalas como destinos enoturísticos privilexiados, contribuíndo ao desenvolvemento da economía local e o medio rural.

Entre as actividades previstas está a realización de xornadas de animación e difusión do proxecto no territorio de cada unha das IXP, que irán seguidas da celebración dos Túneles do Viño, espazos de mostra e promoción de todas as marcas de viño das adegas colaboradoras amparadas baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida. Os túneles serán tamén espazos de degustación nos que apreciar as características diferenciais dos caldos a través de catas que se desenvolveran ao longo de todo o día, poñendo o foco nos produtos do territorio no que se celebren.