Colaboración coa Rede CEDIM

Cidadania, xunto con Lilith, xestión social e educativa, vai deseñar o plan de dinamización dos centros CEDIM, co obxectivo de favorecer a innovación e a máxima eficiencia nas dinámicas de traballo dos centros, xestionados pola Secretaria Xeral da Igualdade.

A Rede Cedim é un proxecto transfronteirizo, Galicia-Norte de Portugal, financiado pola Unión Europea e que nace para prestar servizos de información e apoio ás mulleres rainas en materia de igualdade. A través de catro centros situados nas localidades galegas de Verín, A Cañiza, Tui e Vila Verde en Portugal, preténdese mellorar a situación das mulleres, potenciando a rede de centros a través de dinámicas colaborativas e a participación activa dos distintos axentes que interveñen no territorio.

Podedes consultar información sobre a Rede Cedim no seguinte enlace:

http://www.redecedim.eu

E-Cidadania en Google Summer of Code

En agosto finalizou a edición 2012 do Google Summer of Code. Como sabedes, o proxecto e-cidadania, a aplicación de código aberto para a participación cidadá, contou grazas a Google coa colaboración de catro estudantes e tres titores dos seguintes países: India, Macedonia, Francia, España, Brasil e Perú.

Os resultados do traballo foron moi tanxibles e positivos: desenvolvéronse dous módulos novos, o de votacións e o de enquisas; mellorouse o módulo de propostas; incorporáronse test unitarios para o control da calidade e seguridade da ferramenta; duplicouse a velocidade da plataforma e solucionáronse pequenos erros.

Ademais a participación neste programa supuxo un lanzamento de e-cidadania a nivel internacional, cunha acollida maior do esperada: por exemplo, en Macedonia están xa a empregar e-cidadania desde o tecido asociativo.

Chama a atención que os estudantes seguen a colaborar máis alá do remate das bolsas. O mesmo sucede con outras persoas que coñeceron e-cidadania grazas ao programa.

Esperamos poder compartir con vos a aplicación para finais de ano.

Podedes ver unha presentación do proxecto aquí

Estudo para as Bodegas Marqués de Vizhoja

Cidadania vén de rematar un estudo de satisfacción para unha recoñecida firma de viños. A investigación consistiu en avaliar a recepción dos seus produtos a través da campaña publicitaria realizada por esta empresa no conxunto da poboación galega. Analizouse a imaxe transmitida pola anuncios televisivos e o seu impacto na imaxe dos produtos.

O desenvolvemento do estudo contou coa implicación e participación de máis de 30 persoas a través de catro grupos focais desenvoltos nas cidades da Coruña, Ourense, Lugo e Vigo. No documento conclusivo do estudo recóllense as principais valoracións dos consumidores á hora de elixir esta marca.

Cidadania participa no Encontro Internacional Cooperativo

Cidadania participou no Encontro Internacional Cooperativo celebrado en Santiago baixo o lema “As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor”. A través dun Stand na Mostra Cooperativa, tivemos ocasión de presentar os nosos servizos e identidade como cooperativa de traballo.

Durante os tres días do Encontro, cooperativistas de distintos países presentaron as súas experiencias en ámbitos como os servizos sociais, o consumo responsable, a banca ética ou o agro. As cooperativas e profesionais das administracións e doutros sectores tivemos ocasión de intercambiar experiencias e achegarnos a outras realidades.