Colaboramos no desenvolvemento dos Orzamentos Participativos no Concello de Ames

O Concello de Ames aposta un ano mais polo proceso de Orzamentos Participativos no seu municipio: unha iniciativa na que a veciñanza propón e elixe, de forma directa,  actuacións a desenvolver polo Concello durante o ano 2021.

Este ano o proceso acada unha visión mais ampla, superando as actuacións a nivel de parroquia, e activando a creatividade colectiva para que as propostas acaden o conxunto do territorio. Así mesmo, amplíanse os procesos nos que propoñer actividades: á banda do proceso específico dirixido á mocidade amesá, haberá propostas dirixidas ás mulleres, ao medio ambiente e á cultura.

Ademais, o proceso de Orzamentos Participativos incorporará a posibilidade de presentar e votar as propostas en liña, debido ás medidas de distanciamento social. A fotografía que ilustra esta nova pertence a unha asemblea informativa no proceso de OP 2018.

Desenvolvemos un curso sobre relevo xeracional na cooperativa de ensino EDES en Asturias

Ao longo do mes de xullo tivemos a oportunidade de levar a cabo unha formación de relevo xeracional na cooperativa de ensino para persoas con discapacidade EDES, que ademais son centro especial de emprego e fundación.

Ante o reto de incorporar novas persoas socias á cooperativa, desenvolvemos esta formación nunha modalidade mixta, levando a cabo dúas sesións en liña de 4 horas cada unha, e outras dúas sesión de 4 horas en modalidade presencial, tendo en conta as medidas sanitarias e de seguridade.

Gustaríanos salientar o compromiso da cooperativa por levar a cabo este proceso de forma planificada, e coñecer proxectos tan interesantes mais alá de Galicia. Que gratificante é compartir, traballar e aprender xunto a persoas que comparten os valores cooperativos!