Ondas Limpas: coidado medioambiental en Burela

O Concello de Burela alíase co Burela Surf Club nesta iniciativa arredor do coidado medioambiental a través do deporte e da arte participativa. O proxecto foi coordinado polo Centro de Educación Medioambiental GAIA e desenvolveuse entre o 2024 e o 2025.

O obxectivo de Ondas limpas foi o de sensibilizar á veciñanza co coidado da zona costeira, mediante un programa de actividades de sensibilización e acción ambiental, deportiva e artística, con especial enfoque na mocidade e no reforzo da participación das asociacións locais.

SENSIBILIZACIÓN MEDIOAMBIENTAL

Un dos eixos do proxecto foi o da concienciación medioambiental, polo que Ondas Limpas iniciouse a través de saídas de recollida de refugallos nas praias da Marosa e o Perdouro. Os refugallos atopados (na súa maioría plásticos e micro-plásticos, ademais de lixo de maior formato), foron almacenados para o seu posterior uso no mural artístico da Marosa.

BURELA SURFEIRA

No outono do 2024 visitaron Burela surfistas de alto nivel e recoñecemento internacional, para compartir coa comunidade a súa vivencia e comprensión dos océanos. Coa chegada da primavera, o Burela Surf Club desenvolveu grupos de iniciación a este deporte, conseguindo achegar a práctica do surf a persoas que non o probaran nunca, e estendendo os valores do coidado medio ambiental e respecto ao mar a través do deporte.

O MURAL DA MAROSA

Arte participativa con refugallos. Belen Mogo e Martin Lestao deseñaron e deron vida a unha nova obra artística en Burela, cos piares do coidado medio ambiental e do surf. Como é habitual na súa maneira de traballar, contaron con mans e ideas do tecido asociativo local.

UNHA XORNADA DE POSTA EN VALOR

Ondas Limpas concluíu nunha xornada na Marosa, onde se puxeron en común as conclusións e actividades do proxecto. O persoal político e técnico, así como as entidades que lideraron as actividades, compartiron coa comunidade o momento final deste proxecto.

 

Bono Consolida

Este ano foinos concedida unha axuda do Bono Consolida Economía Social. Dita axuda está destinada á adquisición de equipamento informático, e foi concedida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, financiada polo Servizo Público de Emprego Estatal.

A aula sostible do Freixo segue coidando o medio ambiente!

Despois de ser galardoadas co 2º premio á innovación polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a Aula Sostible do Freixo continúa o seu camiño colectivo como iniciativa de economía circular.

Durante o 2024 as actuacións centráronse na mellora das instalacións, xa que dada a ampla colaboración veciñal a Aula Sostible quedou pequena, tanto no ámbito do almacenaxe como do taller. Así mesmo, adquiriuse unha máquina que é capaz de ler a composición dos plásticos, o que axudará a saber de que polímeros están compostos aqueles elementos recollidos máis deteriorados, como son os que se recollen nos areais. Isto redundará nun maior aproveitamento do plástico procedente do mar.

Ademais, refórzanse as actividades colaborativas mediante a colaboración coas redeiras de Porto do Son, que estiveron testando a utilidade das agullas elaboradas con plástico reciclado, o que permitiu mellorar os prototipos. Súmanse á iniciativa as compañeiras de Noia Limpa, para as recollidas de lixo nos areais, e as compañeiras da cooperativa A Seara desenvolverán obradoiros de comunicación, nos que reforzar este ámbito entre as entidades socias desta iniciativa. Por último, a asociación Alibaba está desenvolvendo obradoiros artísticos, que enchen de cor e alegría a este proxecto colaborativo baixo a filosofía da Economía Circular.

Este proxecto é posible grazas ao financiamento FEMPA xestionado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra – Ría Muros Noia.

Na portada deste post podedes ver a July e a Adrian, que son as persoas que dende o comezo apoiaron a posta en práctica do Precious Plastic nesta iniciativa. Podedes velos neste vídeo, onde comparten como vivir de maneira sostible e autosuficiente.