Mariscando conCiencias para el futuro: comezamos!

Ao longo do mes de outubro daremos comezo a unha iniciativa ao amparo da convocatoria Arte cidadá: compoñer saberes para imaxinar e construír futuros sostibles, promovida pola Fundación Daniel y Nina Carasso.

Este proxecto nace das ganas de dar continuidade ao camiño emprendido por Mariscadoras ConCiencia (ANMUPESCA), cuxo obxectivo foi o de fortalecer a transferencia de coñecemento entre mariscadoras e persoal investigador.

Mariscando conCiencias para o futuro afonda nesa relación de confianza e transferencia de saberes populares e técnicos, unindo unha nova disciplina: as artes. A través do colectivo Artelixo, e tamén da danza contemporánea como medio de expresión, poremos en común saberes e futuros coas mariscadoras a pé e a flote de Redondela.

Ao longo deste ano e o que vén faremos un percorrido polo pasado, o presente e o futuro da pesca costeira artesanal na enseada de San Simón. A través de distintas actividades faremos mais visible a figura das mulleres e homes de mar como coidadoras do territorio, fomentaremos a concienciación medio ambiental entre a veciñanza, aprenderemos de experiencias no pasado para mirar ao futuro… e construílo.

Para saber mais, podes botar un ollo ás redes sociais do equipo! Mariscando conCiencias para el Futuro é un proxecto colaborativo entre  AMARTURMAR, Artelixo, Future Oceans Lab, Concello de Redondela e Cidadania S. Coop. Galega. grazas ao financiamento da Fundación Daniel y Nina Carasso

EspazoCoop organiza a xornada de resultados de CONSOLIDA+

A Morada Cooperativa acolleu na súa casa este martes a xornada CONSOLIDA+, organizada por EspazoCoop. O encontro enmárcase na celebración do Ano Internacional das Cooperativas, e serveu para compartir os resultados deste programa de acompañamento personalizado a especializado ás cooperativas socias, que este ano superou ás mais de 750 horas de asesoramento en distintos procesos.

Ademais, puidemos coñecer liñas de financiamento para cooperativas e a Oficina Económica de Galicia.

A xornada contou, ademais, cunha mesa de posta en común de proxectos cooperativos da talla de 7H Coop, Númax e Simbiose. Cunha longa traxectoria, reflexionamos en colectivo sobre os fitos, os desafíos, os modelos organizacionais e sobre que entendemos por “estar consolidadas”. Non queremos deixar de destacar, ademais, as ganas explícitas de reforzar a intercooperación, ao que dende Cidadania sumámonos xa que non podemos estar mais dacordo!

O peche institucional contou coa presenza de Marta Mariño, Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, e de Claudia Rodríguez, integrante do Consello Reitor de EspazoCoop. Agradecemos a EspazoCoop a organización destas xornadas, que permiten atoparnos e que sempre nos recargan de enerxías!

Atadeiras | A gobernanza das redeiras da Guarda

A Asociación de redeiras do Baixo Miño Atalaia pon en marcha o proxecto Atadeiras, que ten por obxectivo aumentar a súa gobernanza mediante o reforzo das capacidades persoais e as lóxicas asociativas.

Ao longo desta iniciativa formarémonos en habilidades de comunicación, sacaremos á luz a historia de vida da asociación tras 20 anos de traxectoria profesional, e aprenderemos sobre o modelo cooperativo e a súa aplicación á entidade.

Pretendemos, ademais, aumentar a visibilidade do colectivo, mediante vídeos e fotografías tomadas por Brais Lorenzo, e a xeración dunha páxina web deseñada por Marta Villar. Ademais, contaremos coa visión creativa de Amalia Puga para dotar á nave dunha identidade que transmita os valores do sector pesqueiro.

Atadeiras é posible grazas ao apoio do GALP Ría de Vigo – A Guarda, a través do FEMPA.