Elas Deciden | Corpo, territorio e paz
Asamblea de cooperación pola paz Galicia lidera un ano máis o programa Elas Deciden. Nesta ocasión continúase reforzando o contacto e o intercambio de saberes entre mulleres galegas e do Salvador, ampliando as conversas sobre o que supón ser unha muller do mar, e as traxectorias das asociacións participantes no proxecto.
As redeiras de Portosín abriron as portas da súa nave de traballo, onde puidemos coñecer a arte de cerco e o seu funcionamento interno. Ao longo do obradoiro, coñecimos os fitos mais importantes vividos pola asociación, e que supuxeron melloras fundamentais nas súas condicións laborais. Por outra banda, o local de Mulleres Salgadas encheuse de conversas sobre as dificultades superadas e a unión entre o colectivo, que tamén conseguiu avanzar en retos fundamentais para o sector.
Estas liñas do tempo das asociacións serán o punto de partida para intercambiar coñecementos a ambos lados do océano. Ademais, as compañeiras de Pura Quiteria desenvolveron un obradoiro de cianotipias, unha técnica artística provinte do relevado de fotografía e que nos permitiu expresar de maneira creativa os nosos desexos cara o futuro dos colectivos das mulleres do mar. Estas cianotipias, xunto coas fotografías e audios realizados na edición anterior, poderán verse na inauguración da exposición, unha vez pasado o verán.

