Entradas

Nova edición formativa coas Mesas Locais de coordinación contra a violencia machista

Os concellos galegos participarán deste programa formativo promovido pola Dirección Xeral de Loita contra a violencia de xénero, desenvolvendo tres itinerarios que se adaptan aos distintos momentos nos que se atopan as Mesas Locais de Coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero (MLC): formación para a constitución da MLC, para o seu impulso, ou para a elaboración de protocolos de actuación municipal.

Dos 313 concellos galegos, 162 contan cunha MLC propia ou mancomunada. O aumento na formalización destes espazos de coordinación é notable dende o ano 2016, onde só había espazos de coordinación formal no 20,4% dos concellos galegos. A antigüidade media das MLC constituídas é de arredor de 8 anos, e a súa composición rolda as 16 persoas, destacando a participación dos centros educativos, servizos sociais, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e Centros de información ás mulleres.

A mellora da coordinación institucional para fortalecer a atención ás vítimas recóllese na medida 78 do Eixo 2 do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

 

 

Desenvolvemos un obradoiro para que os clubes e asociacións deportivas do Concello de Teo sexan espazos que favorecen a igualdade e o respecto

En colaboración co Centro de Información ás Mulleres do Concello de Teo, vimos de desenvolver un obradoiro no que promover a igualdade de xénero no deporte. Na xornada traballamos con representantes de clubes e asociacións deportivas de base, analizando as prácticas que desenvolven (no tipo de actividades que ofertan, a participación de mulleres nos espazos directivos, nos adestramentos ou o uso da linguaxe inclusiva nas comunicacións), e ofrecerlles ferramentas para poder transformar ás entidades en espazos máis inclusivos e igualitarios. No obradoiro participaron 15 entidades deportivas, que reflexionaron sobre o papel do deporte na promoción da igualdade.