A aula sostible do Freixo segue coidando o medio ambiente!
Despois de ser galardoadas co 2º premio á innovación polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a Aula Sostible do Freixo continúa o seu camiño colectivo como iniciativa de economía circular.
Durante o 2024 as actuacións centráronse na mellora das instalacións, xa que dada a ampla colaboración veciñal a Aula Sostible quedou pequena, tanto no ámbito do almacenaxe como do taller. Así mesmo, adquiriuse unha máquina que é capaz de ler a composición dos plásticos, o que axudará a saber de que polímeros están compostos aqueles elementos recollidos máis deteriorados, como son os que se recollen nos areais. Isto redundará nun maior aproveitamento do plástico procedente do mar.
Ademais, refórzanse as actividades colaborativas mediante a colaboración coas redeiras de Porto do Son, que estiveron testando a utilidade das agullas elaboradas con plástico reciclado, o que permitiu mellorar os prototipos. Súmanse á iniciativa as compañeiras de Noia Limpa, para as recollidas de lixo nos areais, e as compañeiras da cooperativa A Seara desenvolverán obradoiros de comunicación, nos que reforzar este ámbito entre as entidades socias desta iniciativa. Por último, a asociación Alibaba está desenvolvendo obradoiros artísticos, que enchen de cor e alegría a este proxecto colaborativo baixo a filosofía da Economía Circular.
Este proxecto é posible grazas ao financiamento FEMPA xestionado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra – Ría Muros Noia.
Na portada deste post podedes ver a July e a Adrian, que son as persoas que dende o comezo apoiaron a posta en práctica do Precious Plastic nesta iniciativa. Podedes velos neste vídeo, onde comparten como vivir de maneira sostible e autosuficiente.