Entradas

Cidadania recibe o premio á excelencia empresarial do Concello de Santiago

Onte celebrouse, no Concello de Santiago, a entrega de premios da III Convocatoria á excelencia empresarial, onde o ámbito municipal recoñece as boas prácticas de empresas vinculadas a Santiago de Compostela. Os premios son unha iniciativa que parte da Axenda Urbana 2030 e do CERSIA, propoñendo distintas categorías que axudan, a través do desenvolvemento económico, a construír unha cidade mellor.

Queremos agradecer ao Concello de Santiago este recoñecemento institucional, xa que tras 25 anos de traxectoria cooperativa, fainos moitísima ilusión recibir este galardón. Así mesmo, parabéns a todas as empresas que participaron enviando a súa candidatura aos premios, e ás empresas gañadoras en cada categoría!

A Aula Sostible do Freixo gaña o 2º premio á innovación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Os premios de Excelencia á innovación para as mulleres rurais convócanse polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dende o ano 2010, co obxectivo de dar visibilidade á labor das mulleres rurais na diversificación da actividade económica e as súas actuacións emprendedoras nos seus territorios.

A Aula Sostible do Freixo conseguiu o 2º Premio na categoría da Excelencia á innovación na actividade pesqueira, onde se coopera entre varias entidades para transformar residuos plásticos procedentes da actividade pesqueira (e outros plásticos do ámbito doméstico) en ferramentas pesqueiras revalorizadas, constituíndo unha práctica de economía circular. Podes ler máis sobre o proxecto neste artigo.

A  Aula Sostible do Freixo tamén conta co recoñecemento da Consellería do Mar nos Premios de Economía Azul, na categoría Economía Circular. Moitos parabéns a Asociación de Mulleres do sector pesqueiro de Muros – Noia e ao Concello de Outes como promotores do proxecto, e ás entidades de inclusión social participantes (ADISBISMUR, A Creba e Asociación Misela), ao GALP Costa Sostible, e a todas aquelas persoas e entidades que senten este proxecto como seu: por moitos máis éxitos!

 

Aberto o prazo para os Premios á Cooperación 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de publicar as bases reguladoras dos Premios á Cooperación 2023, podes consultalas neste enlace.

Estes premios outórganse anualmente para fomentar e difundir o cooperativismo e a economía social, afondando nos seus principios e valores. Como cada ano, as cooperativas poden participar en tres categorías:

  • Premio aos valores cooperativos
  • Premio ao mellor proxecto cooperativo novo
  • Premio á traxectoria cooperativa

Desexando coñecer ás cooperativas galardoadas!

Se queres saber máis, infórmate na Rede Eusumo