Entradas

Celebramos o IV Encontro de O Globo

A semana pasada tivo lugar o IV Encontro do Globo, unha iniciativa promovida por Solidariedade Internacional de Galicia. O Globo é unha ferramenta para a promoción da cidadanía global, que promove e recolle experiencias de transformación social. O Encontro tivo lugar en Santiago de Compostela, e contou coa participación de arredor de 100 persoas, que participaron de espazos comúns, obradoiros creativos, e conexións con entidades do Sur para coñecer as súas iniciativas. O momento principal do encontro foi a Feira de micro – experiencias de transformación social, onde as escolas e os colectivos amosaron ás persoas asistentes as súas iniciativas. O Globo continúa xirando!

III Encontro anual do Globo

O Globo é un proxecto promovido pola ONGd Solidariedade Internacional de Galicia, con quen colaboramos dende os inicios desta iniciativa colectiva, que ten como obxectivo promover a educación para a cidadanía global. Anualmente celebramos un encontro, no que poñemos en común as micro – experiencias de transformación social promovidas, e fomentamos a xeración de redes entre persoas implicadas polo cambio social e pola participación activa na sociedade. Queres saber o que aconteceu no III Encontro do Globo? Dentro vídeo!

Como participa a mocidade en Galicia?

Cal é o estado da participación da mocidade galega na actualidade? Cales son as barreiras e cales son os facilitadores para motivar ás persoas novas a participar? Ten cambiado o modelo de participación tradicional? Como se pode contribuír á promoción dunha cultura participativa con enfoque da Cidadanía Global entre a mocidade galega?

Estas son algunhas das preguntas nas que quere afondar Solidariedade Internacional de Galicia, que promove este estudo vinculado ao proxecto O Globo, sobre o que xa os falamos anteriormente.

Para achegarse ás claves da participación da mocidade galega, empregaranse diferentes fontes de información, como a revisión de bibliografía, a realización desta enquisa entre as persoas novas, e as achegas dun grupo motor. Se tes entre 14 e 30 anos, podes acceder á enquisa neste enlace:  https://cutt.ly/cbvJTiq .

Convidámosvos a difundilo entre a mocidade ao voso arredor! A enquisa estará dispoñible ata o 23 de maio!

Participamos no II encontro dO Globo, un espazo para a promoción da cidadanía global, iniciativa da ONGD Solidariedade Internacional de Galicia

O II Encontro do Globo reuniu virtualmente a 80 persoas, que se atoparon nun espazo común no que compartir micro – experiencias de transformación social moi diversas.

Neste encontro houbo de todo: unha benvida motivadora, palabras e experiencias dende o outro lado do mundo, música, arte en directo, e tamén unha feira de micro – experiencias de transformación social. Viaxando polo ciber espazo, puidemos achegarnos a distintas iniciativas que se están desenvolvendo na nosa contorna, seguindo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Mirade o vídeo resumo do II Encontro do Globo!

 

 

En Solidariedade Internacional de Galicia están de estrea!

Neste post queremos compartir con vos a nova web que estrea o equipo de profesionais de Solidariedade Internacional de Galicia. Para visitala, premede neste enlace.

O novo deseño da web pon de manifesto os valores que vertebran a organización, as súas ilusións, o seu compromiso e profesionalidade, e a súa historia. Ademais, comparten os proxectos que desenvolven na actualidade a través da cooperación, a educación, o traballo en rede e o comercio xusto.

Dende Cidadanía queremos agradecervos a aprendizaxe mutua nestes anos, e felicitarvos por esta nova imaxe na web.