Entradas

Presentamos os resultados sobre corresponsabilidade na USC

A unidade de igualdade da Universidade de Santiago de Compostela organizou unha xornada de reflexión sobre os coidados e a igualdade na comunidade universitaria. A investigación, dirixida ao alumnado universitario, tiña por obxectivos:

  • Recoller a valoración e a percepción do estudantado da USC respecto das dinámicas de traballo doméstico e familiar, en relación aos modelos de fogares nos que residen.
  • Analizar os diferentes tipos de traballos realizados e de xestión de coidados (emocionais e físicos) que asumen mulleres e homes e a valoración sobre o reparto de responsabilidades.
  • Identificar necesidades e propostas en materia de promoción da igualdade de xénero.

Durante a xornada puxemos en común os resultados da enquisa, que podedes consultar neste enlace. Así mesmo, puidemos compartir mesa con Jorge García Marín, profesor do Departamento de Ciencias Políticas e Socioloxía da USC.

Preséntase a diagnose da fenda salarial na USC

A Oficina de Igualdade de xénero da USC, baixo a coordinación do Centro Interdisciplinario de Investigacións e Estudos de Xénero (CIFEX) desenvolveu durante o ano 2023 unha diagnose sobre a fenda salarial e os atrancos na carreira das profesoras e investigadoras desta Universidade.

A metodoloxía do estudo abrangueu a análise de datos primarios e a realización de entrevistas grupais, onde se afondou nas causas xeradoras das asimetrías salariais, entre as que se atopan aspectos relacionados coa situación familiar e de coidados das investigadoras e docentes, pero tamén as inercias do sistema universitario. O informe pode consultarse no seguinte enlace.

 

Conclusións

Como idea central pódese afirmar que hai diferenzas de xénero entre os colectivos de mulleres e homes PDI da USC. Os datos amosan diferenzas a nivel de representación nas categorías profesionais e na consolidación en postos de maior recoñecemento, pero tamén a nivel de participación dentro dos espazos e toma de decisión, o que ten efectos directos no recoñecemento de méritos e nas retribucións percibidas.