Participa no 4º Encontro de Economía Alternativa e Solidaria!

O día 6 de abril terá lugar no Centro Equal, en Coles, Ourense, a 4º edición do Encontro de Economía Alternativa e Solidaria organizada por REAS Galicia.

Este encontro pretende ser un espazo onde tecer rede entre as diferentes entidades que queiran participar, así que animámosvos a facer a inscrición premendo neste enlace.

Este é o programa do día:

11.00 – 11.15h REAS, e isto para que serve?

11.15 – 13.00h REAScunchiño. Micropresentacións das entidades presentes no Encontro.

13.00 – 14.30h Dinamizar un mercado social (mesa + obradoiro)

14.30 – 16.30h Xantar e paseo para tecer rede.

16.30 – 18.00h Actividade lúdica sobre consumo responsable.

Vémonos o día 6!

A avaliación intermedia dos grupos de acción local do sector pesqueiro

Ao longo destes últimos meses, varios Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) están facendo a avaliación intermedia das súas estratexias, as cales teñen como obxectivo dinamizar o territorio a través das axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Os GALP son  entidades que colaboran na xestión deste Fondo coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

A xestión do FEMP nas zonas costeiras artéllase en base ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas, que foron aprobadas ao inicio deste período de fondos no ano 2016. Recollen a visión dos axentes territoriais definindo e poñendo en común as liñas de actuación que son consideradas prioritarias para o desenvolvemento sostible das zonas costeiras.

Neste momento, dende un enfoque de traballo netamente participativo, Cidadania está apoiando a varios GALP de Galicia, na realización dos procesos de avaliación. Para isto defínense espazos de traballo nos que se pretende achegar a información da execución do Fondo ao tecido de axentes locais e recoller tamén a súa visión e propostas de mellora, cara o cumprimento dos obxectivos no que resta do período de programación.

Este traballo contribuirá a mellorar a xestión do Fondo, reforzando tamén a gobernanza das entidades do sector pesqueiro, e como non, do conxunto de axentes do territorio.

Recentemente, a Consellería do Mar, publicou unha nova orde reguladora do programa de axudas do FEMP que xestionan o GALP. Podes consultala aquí.