O Concello de Avión aproba o protocolo contra a violencia de xénero
O Concello de Avión promove dende o ano 2021 a Mesa Local de Coordinación contra a violencia machista (MLC). Este espazo é participado polas áreas técnicas de Subdelegación de Goberno, DX de loita contra a violencia de xénero, Centro de saúde, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Benestar Social, Educación, Emerxencias e Deportes, entre outros. Ten por obxectivo mellorar os mecanismos de coordinación técnica arredor das mulleres en situación de violencia machista e as súas fillas e fillos.
No marco da MLC, Cidadania acompañou a este equipo técnico na definición de obxectivos e a súa avaliación, así como na dinamización das reunións, lideradas polo Concello de Avión a través do Centro de información ás mulleres. Ao longo do 2025, desenvolvimos un proceso participativo arredor do Protocolo de coordinación inter-institucional contra a violencia machista no Concello de Avión.
Este documento, áxil e práctico, pretende dar a coñecer entre as persoas que integran a MLC os protocolos das demais áreas, e de afondar nos puntos de unión entre ámbitos para dar unha atención integral ás mulleres en situación de violencia. Arredor do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o CIM presentou o documento nun acto público.

