Entradas

A singradura dos Nove Mares aborda a cultura marítima na Costa da Morte

A iniciativa Nove Mares daba comezo este mes aos Espazos Xeradores de Cultura. Estes encontros públicos abordan distintas temáticas vencelladas coa cultura do mar, achegando ao territorio iniciativas de referencia que inspiran a coñecer boas prácticas, e identificar potencialidades para o fomento da economía azul na Costa da Morte.

 

Romarías do Mar

A comezos de marzo visitábamos Caión para abordar as Romarías do Mar: festas comunitarias, espirituais e gastronómicas, tradicións que fortalecen a identidade da Costa da Morte. A celebración da Virxe do Carme, a Danza de Arcos, ou a recuperación do “Eu fun de vivo” (traspasando o territorio da Costa da Morte), forman parte da cultura mariñeira do territorio costeiro. Manuel Vilar, director do Museo do Pobo galego, e Mavi Lezcano, investigadora a docente da USC, achegáronnos claves sobre a importancia das Romarías do mar. As persoas asistentes achegaron novas ideas á organización e celebración destas expresións culturais. Podes ler as conclusións na Lonxa dos Nove Mares.

 

Deportes do mar

Non cabe dúbida que o deporte é un motor de desenvolvemento social e económico: o surf, o mergullo, o boulder, as travesías a nado, o kite surf e a vela, entre outros moitos deportes do mar, fortalecen a nosa vinculación co medio mariño e a paisaxe, a través da diversión, do ocio, e da experiencia vivencial. En Razo (Carballo), contamos coa presenza de Alfonso Villares, Conselleiro do Mar, e Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, que puxeron en valor a importancia da Cultura Marítima e iniciativas cooperativas como a Rede de Pobos do Surf. Ademais, presentouse como boa práctica Malpica One Surf Academy, unha iniciativa desenvolta hai xa 20 anos por dous surfistas apaixoados por este deporte. Este sábado 16 de marzo, ás 11h, reunirémonos na Aldea do Couto para extraer conclusións, abrindo o foco a outras prácticas deportivas e afondando nas potencialidades de dinamización do territorio.

Se non queres perderte nada, segue as redes sociais de Nove Mares, e a información da súa páxina web. Nas vindeiras semanas abordaremos os Camiños do Mar, a Despensa do Mar, as Artes do Mar e a Língua do Mar. Nove Mares | A Cultura do Mar na Costa da Morte

Comeza Nove Mares: a cultura do mar na Costa da Morte

Esta semana presentouse aos medios de comunicación o proxecto Nove Mares: a cultura marítima da Costa da Morte, promovido pola Fundación Eduardo Pondal. Esta iniciativa, que promoverá espazos participativos ao longo de 9 concellos da liña costeira, indagará sobre a relevancia da cultura mariñeira para o territorio, como un dos principais motores de identidade diferencial e desenvolvemento socio económico da Costa da Morte. O final do proxecto construirá un arquivo colectivo de potencialidades e iniciativas culturais xeradoras de desenvolvemento socio económico na zona.

Nove Mares inicia o seu percorrido cunha serie de entrevistas ás principais referencias culturais, económicas e sociais do territorio, para nutrir de contidos os Encontros Xeradores de Cultura, nos que contaremos con referentes inviduais e colectivos arredor das seguintes temáticas:

As romerías do mar
Os camiños do mar
A carpintería de ribeira
Os deportes do mar
As recetas do mar
As artes do mar

Convidámosche a botar un ollo na páxina web e redes sociais do proxecto para estar ao tanto as actualizacións.

A marca do territorio Costa da Morte – Terra Atlántica participa no Festiletras

Esta fin de semana celebrábase na Aldea do Couto a 41 edición do Festiletras, un encontro arredor da música, da artesanía, da gastronomía, da ciencia ou do cine, entre outras moitas actividades que se dan lugar na Costa da Morte esta fin de semana.

A marca do territorio Costa da Morte – Terra Atlántica formou parte do Festiletras, poñendo en valor os produtos da terra de cinco entidades socias da marca: Granxa Moreira, La despensa de lujo, Granxa Doreiro, Ramisquido e Verxel galego. O alumnado da Escola de hostelería Paseo das Pontes puxo en marcha a sus creatividade e os seus saberes para crear un menú con produtos de proximidade nesta demostración gastronómica.

Costa da Morte – Terra Atlántica é unha marca do territorio baixo a que se amparan distintas empresas e servizos co obxectivo de potenciar a identidade da Costa da Morte, en base ao reforzo e á distinción da produción local, baixo uns parámetros de calidade e valor diferencial. O Grupo de Desenvolvemento Rural Costa da Morte é o promotor desta marca.

#terraatlantica #territorio #desenvolvementolocal #rural #costadamorte #galicia #produtolocal #gastronomia #festiletras #GDR

O Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra – Morrazo aproba a súa estratexia 2023 – 2027 para o período LEADER

O GDR Pontevedra – Morrazo aprobou en Asemblea Xeral a nova estratexía 2023 – 2027 para o período LEADER. Este proceso desenvolveuse de xeito participativo, resultando nun documento que se estrutura nun plan de acción, de formación, de cooperación e de dinamización territorial.

O programa de axudas céntrase no apoio aos sectores agrario e forestal, tendendo á diversificación, á dixitalización, á transición ecolóxica e á sostibilidade. Así mesmo, trátase de fomentar proxectos que melloren a calidade de vida e benestar social da poboación do rural, priorizando investimentos dirixidos á prestación de servizos que creen emprego e reduzan o risco de pobreza. O plan de acción vincúlase coa Lei de recuperación de terras agrarias de Galicia, orientada a novos aproveitamentos do territorio, así como co Bono Activa Rural.

Podes informarte máis polo miúdo na páxina web do GDR Pontevedra – Morrazo.