Nove mares: os Camiños do mar e os seus Oficios nos espazos xeradores de cultura
O mar é un potente motor económico, social e cultural. Na Costa da Morte a tripulación dos Nove Mares continúa reunindo iniciativas de economía azul de dentro e fora do territorio, divisando propostas replicables na zona costeira. As romarías do mar e os deportes do mar deron paso, nos meses de abril e maio, aos camiños do mar e aos oficios. Estas foron as temáticas de referencia baixo as que se organizaron os Espazos Xeradores de Cultura, onde abordamos o potencial de diversas iniciativas como elementos da economía azul sostible no territorio.
Camiños do mar
A Ruta dos Faros é un exemplo de como trazar unha ruta natural, singular e con contidos, que explica o territorio á vez que o constrúe. Na mesma xornada contamos tamén coa experiencia dos Concellos do Camiño Inglés, e as rutas do Xeoparque Cabo Ortegal. Os espazos de participación arredor dos camiños do mar permitiron reflexionar e coñecer actividades e iniciativas complementarias aos propios trazados, como a recuperación da toponimia local, a educación ambiental ou a ornitoloxía.
Oficios do mar
A carpintería de ribeira levounos ata o estaleiro O Baladiño, espazo singular que transmite a cultura do mar a través deste oficio tradicional. Nun novo Espazo Xerador de Cultura coñecemos iniciativas de turismo mariñeiro promovidas conxuntamente entre entidades locais e mariscadoras, no Concello da Pobra do Camariñal, a restauración do estaleiro San Ciprián de Outes convertido en espazo museístico, e a importancia do traballo das mulleres do mar, pioneiras en moitas ocasións da diversificación da actividade produtiva a través da economía azul. Coñecimos, tamén, as liñas mestras do Plan de Cultura Marítima da man do seu coordinador, Oscar Fuertes.
A singradura continúa coa Despensa do Mar e as Artes do Mar. Se non queres perderte nada, ségue a Nove Mares nas redes sociais e na súa páxina web!