A singradura dos Nove Mares aborda a cultura marítima na Costa da Morte

A iniciativa Nove Mares daba comezo este mes aos Espazos Xeradores de Cultura. Estes encontros públicos abordan distintas temáticas vencelladas coa cultura do mar, achegando ao territorio iniciativas de referencia que inspiran a coñecer boas prácticas, e identificar potencialidades para o fomento da economía azul na Costa da Morte.

 

Romarías do Mar

A comezos de marzo visitábamos Caión para abordar as Romarías do Mar: festas comunitarias, espirituais e gastronómicas, tradicións que fortalecen a identidade da Costa da Morte. A celebración da Virxe do Carme, a Danza de Arcos, ou a recuperación do “Eu fun de vivo” (traspasando o territorio da Costa da Morte), forman parte da cultura mariñeira do territorio costeiro. Manuel Vilar, director do Museo do Pobo galego, e Mavi Lezcano, investigadora a docente da USC, achegáronnos claves sobre a importancia das Romarías do mar. As persoas asistentes achegaron novas ideas á organización e celebración destas expresións culturais. Podes ler as conclusións na Lonxa dos Nove Mares.

 

Deportes do mar

Non cabe dúbida que o deporte é un motor de desenvolvemento social e económico: o surf, o mergullo, o boulder, as travesías a nado, o kite surf e a vela, entre outros moitos deportes do mar, fortalecen a nosa vinculación co medio mariño e a paisaxe, a través da diversión, do ocio, e da experiencia vivencial. En Razo (Carballo), contamos coa presenza de Alfonso Villares, Conselleiro do Mar, e Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, que puxeron en valor a importancia da Cultura Marítima e iniciativas cooperativas como a Rede de Pobos do Surf. Ademais, presentouse como boa práctica Malpica One Surf Academy, unha iniciativa desenvolta hai xa 20 anos por dous surfistas apaixoados por este deporte. Este sábado 16 de marzo, ás 11h, reunirémonos na Aldea do Couto para extraer conclusións, abrindo o foco a outras prácticas deportivas e afondando nas potencialidades de dinamización do territorio.

Se non queres perderte nada, segue as redes sociais de Nove Mares, e a información da súa páxina web. Nas vindeiras semanas abordaremos os Camiños do Mar, a Despensa do Mar, as Artes do Mar e a Língua do Mar. Nove Mares | A Cultura do Mar na Costa da Morte