Entradas

Participamos no II encontro dO Globo, un espazo para a promoción da cidadanía global, iniciativa da ONGD Solidariedade Internacional de Galicia

O II Encontro do Globo reuniu virtualmente a 80 persoas, que se atoparon nun espazo común no que compartir micro – experiencias de transformación social moi diversas.

Neste encontro houbo de todo: unha benvida motivadora, palabras e experiencias dende o outro lado do mundo, música, arte en directo, e tamén unha feira de micro – experiencias de transformación social. Viaxando polo ciber espazo, puidemos achegarnos a distintas iniciativas que se están desenvolvendo na nosa contorna, seguindo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Mirade o vídeo resumo do II Encontro do Globo!

 

 

Esta semana celebramos o Encontro de conclusións do proxecto de igualdade no mar, promovido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa

A xornada contou coa benvida institucional da presidenta do GALP e patroa maior de Vilanova de Arousa, así como coa Concelleira de Igualdade do Concello de Boiro, e a intervención de Rosa Quintana, Conselleira do Mar. As conclusións e aprendizaxes ao longo destes meses foron compartidas polas propias mulleres participantes no proxecto, que tomaron a palabra no auditorio de Cabo de Cruz e foron as protagonistas do encontro. Falaron en público, proxectaron as vídeo – entrevistas previamente gravadas por elas mesmas, e fixeron preguntas e compartiron reflexións dende o público.   

O proxecto, que desenvolvemos dende Cidadanía como asistencia técnica, consistiu en tres partes: formativa (ferramentas para organizar e dinamizar reunións e xuntanzas en liña; liderado e estratexias para falar en público), informativa (organizamos xuntanzas con persoas expertas na saúde laboral das mulleres do mar, e en dereitos das profesionais do mar); e o propio encontro de conclusións, no que o obxectivo principal era que as mulleres tomasen a palabra e continúen gañando visibilidade.