Entradas

Continúan os Encontros Emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

Ao longo do 2023, a través do CERSIA, estamos a desenvolver Encontros Emprendedores para difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante o coñecemento de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

En maio abordábamos a Economía Circular como oportunidade para o emprendemento, enfocándonos no textil e na moda da man de Off connection. Puidemos intercambiar ideas arredor dun modelo de produción e consumo máis sostibles, con ciclos produtivos máis longos, reaproveitando materiais xa producidos en desuso, e xerando unha menor cantidade de residuos.

Xuño foi o mes no que abordamos a Igualdade de Oportunidades, traendo a Promove: proxectos e persoas como experiencia marco. Neste Encontro Emprendedor establecemos unha conversa arredor do emprendemento das mulleres en Compostela, identificando fortalezas e obstáculos na posta en marcha de iniciativas empresariais, e poñendo en valor a economía social como modelo. Abordáronse tamén os valores destes emprendementos, onde as persoas están no centro, e tamén a confianza mútua, os coidados e as lóxicas colaborativas.

Xa inmersas no verán, a Economía Urbana foi o eixo do 6º Encontro Emprendedor. Neste espazo contamos coa iniciativa de Abastos 2.0, vinculando a importancia da oferta gastronómica co produto local. Da man de Iago Pazos puidemos achegarnos a esta experiencia de cociña de mercado, no mercado, que nos deixou con ganas de seguir saboreando estes Encontros!

O vindeiro Encontro Emprendedor terá lugar o día 22 de agosto, abordando a temática da Vivenda. Podes informarte sobre as iniciativas arredor da Axenda Urbana 2030 premendo aqui!

O globo celebra o V Encontro anual

Esta semana celebramos o día grande do Globo: un encontro entre alumnado, entidades sociais, grupos autoxestionados e persoas a prol da transformación social, que promoven iniciativas inspiradoras nos seus territorios.

O Globo ten recollidas máis de 70 microexperiencias de transformación social, que constituen un observatorio da participación social. Dende o ano 2019, estas iniciativas nacen das inquedanzas do alumnado e da poboación, que se organizan para poñer en marcha accións que inciden na mellora da sua contorna.

O encontro é un día de celebración pero tamén de aprendizaxe, onde combinamos a arte, o humor, a reflexión e a exposición das microexperiencias de transformación social a través dunha feira na que as persoas promotoras son as protagonistas.


Podes coñecer máis sobre O Globo visitando a páxina web e as RRSS! Plasmamos, ademáis, este resumo gráfico do acontecido ao longo do V Encontro e elaborado pola artista Idoia de Luxán.

Xa podes consultar o mapa estatal de redes e grupos de participación cidadá

A Rede de innovación en procesos de participación (RIEPP) comparte o mapa de entidades e colectivos implicados na promoción da democracia participativa ao longo do Estado. O mapa sinala aquelas entidades de carácter social (sinaladas en morado), profesional (en verde), académico (azul) e Administración pública (laranxa). Se es unha entidade que pon en marcha procesos de participación social, animámoste a unirte á Rede, escribindo a redinnovacionparticipativa@gmail.com.

Ademáis, queremos poñer en valor as conclusións recollidas neste documento, sobre as Xornadas desenvoltas no mes de febreiro en Valencia, baixo o nome “Cara a democracia participativa: avaliar, comunicar, lexislar”.

Encontros emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

Ao longo do 2023, a través do CERSIA, estamos a desenvolver Encontros Emprendedores para difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante o coñecemento de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

O primeiro Encontro Emprendedor xirou arredor do eixo Territorio, Paisaxe e Biodiversidade, onde 7H Cooperativa Cultural puxo en común a súa experiencia xerando a cooperativa dende o seu inicio, e destacando algúns dos proxectos mais relevantes, en clave de intervención sobre a paisaxe en clave comunitaria.

O segundo Encontro Emprendedor formulouse como un debate coas persoas participantes sobre o Modelo de Cidade, contando coas experiencias marco de DeHistoria e Estudio MMASA. O espazo permitiu reflexionar, dende o movemento veciñal e comunitario, xunto coa perspectiva urbanística, como concibimos a cidade no futuro.

No terceiro Encontro Emprendedor abordamos a temática do Cambio Climático e Resiliencia, achegándonos á experiencia de Feitoría Verde como referente na educación ambiental. Puidemos, ademais, poñer en común accións que se deben promover a nivel local para paliar os impactos negativos desta crise global.

 O vindeiro Encontro Emprendedor terá lugar o día 16 de maio, e xirará entorno á Economía Circular. Podes inscribirte neste enlace.

 

 

Participamos nas Xornadas Internacionais de participación, investigación – acción e desenvolvemento comunitario

A Universidade do País Vasco e o grupo de investigación Parte Hartuz organiza, entre o 26 e 28 de abril, as Xornadas Internacionais de participación, investigación – acción e desenvolvemento comunitario, unha cita á que non queríamos falta dende Cidadanía.

A participación de poñencias referentes e os espazos de reflexión axudarán a identificar os retos actuais que presentan a participación social. O programa aborda temáticas como a innovación democrática, as aprendizaxes dende diversas experiencias de participación, a acción comunitaria e o arraigo territorial, ou a gobernanza.

Participar de xornadas inspiradoras impúlsanos a mellorar os procesos que acompañamos, ademáis de tecer redes máis alá do territorio.

 

Organizamos encontros emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela

O Concello de Santiago vén de desenvolver o proceso arredor da Axenda Urbana 2030, co obxectivo de trazar as liñas futuras municipais a través dunha diagnose, identificando os retos principais e debuxando un plan de acción para o territorio. Durante o 2023 acompañaremos ao Concello na difusión da Axenda Urbana 2030 e a súa documentación, en constante revisión.

Unha vez por mes organizamos un Encontro Emprendedor arredor dos eixos temáticos que estruturan a Axenda Urbana. Estes encontros emprendedores teñen o dobre obxectivo de difundir a Axenda Urbana 2030, así como o de poñer en valor aquelas iniciativas empresariais, cooperativas e asociativas no territorio que xa están a desenvolver a súa actividade arredor dos eixos recollidos na Axenda Urbana 2030.

 

Asistimos ao II Encontro da Red de Innovación en Procesos Participativos (RIEPP)

Cidadania viaxou ata Valencia ao II Encontro da Red de Innovación en Procesos Participativos (RIEPP) un espazo de traballo e encontro de entidades e colectivos de profesionais, para intercambiar ideas, proxectos e experiencias sobre los procesos participativos.

Participamos máis de 70 persoas procedentes de distintas comunidades autónomas e con perfís diversos (ámbito académico, administracións, profesionais, activistas, estudantes,…), pero co interese común por analizar e propoñer innovacións e melloras metodolóxicas nos actuais procesos de participación cidadá e social.

Unhas xornadas de interese onde aprender, compartir e encontrarse con xente amiga. Máis infomación na páxina web da Red de Innovación en Procesos Participativos.