Ciclo de Encontros Emprendedores da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

O Concello de Santiago, a través do CERSIA, desenvolveu o ciclo de Encontros Emprendedores, co obxectivo de difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante a posta en común de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

No verán contamos coa participación de Larlilás, asociación sen ánimo de lucro arredor da vivenda colaborativa na vellez. Este encontro xerou moito interese entre a cidadanía, e permitiunos repensar a vellez, o benestar e os coidados. Contamos ademais coa presenza de Iago Lestegás, Concelleiro de urbanismo, vivenda e cidade histórica, que compartiu algunhas claves sobre a vivenda e a calidade de vida no centro urbán.

Setembro foi o mes no que abordamos a temática Era Dixital, cristalizada en proxectos que empregan os medios telemáticos como unha parte importante o seu desenvolvemento. O Encontro Emprendedor reuniunos no espazo Creativas Galegas, arredor do proxecto El Camino ESS promovido por REAS Galicia. Esta iniciativa tece unha rede de proxectos de economía social e solidaria arredor do turismo alternativo, xerando un impacto positivo para o territorio e as persoas que habitan nel.

Esta semana celebramos o 9º Encontro Emprendedor, arredor do eixo temático Gobernanza. Coop57 Galiza, entidade referente e consolidada no territorio, achegounos ao seu funcionamento interno baixo os piares da participación, da democracia interna e da auto – organización. Ademais, puidemos aprender da súa actividade principal como instrumento financeiro ao servizo de proxectos transformadores no marco da economía social.

Se aínda non participaches, aínda estás a tempo! O último Encontro Emprendedor terá lugar no mes de novembro. Podes obter máis información sobre a Axenda Urbana 2030 na páxina web do Concello de Santiago.