A Aula Sostible do Freixo acolle a visita de Circular Way to Inclusion

A Aula Sostible do Freixo xorde como un centro de transformación de lixo mariño consolidado arredor dun programa de actividades centradas na reutilización de refugallos mariños, dándolles unha segunda vida e deseñando novas pezas de utilidade para profesionais do sector pesqueiro. Este proxecto recibía no 2023 o segundo Premio de Excelencia a la Innovación para Mujeres Rurales que outorga o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. A Aula Sostible do Freixo leva no seu ADN a colaboración, sendo promovido pola Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría Muros Noia, e participado por Misela, Adisbismur, A Creba Saúde Mental, e o Concello de Outes, contando co financiamento do GALP Costa Sostible.

Estes días recibiu a visita do proxecto europeo Circular Way to Inclusion, que trata de implicar á mocidade na promoción de proxectos de economía circular. As mariscadoras a pé de Muros amosaron o seu traballo no mar ás visitantes, dando a coñecer esta actividade pesqueira ás entidades socias de Circular Way to inclusion: a área de mocidade do Concello de Santiago, a Fundación PAIDEIA, Economía Circular Portugal e o Impact Hub Liepaja (Letonia).

Despois, unha andaina polo Muíño das Mareas, situado no Concello de Muros, levounos á Aula Sostible do Freixo, onde a familia do proxecto explicou a súa actividade ás participantes. A semana que vén acollerase á mocidade, polo que estade atentas ás redes da Aula Sostible!