Mariscando conCiencias para o futuro pasa o seu ecuador
O mes de abril foi tempo de conversa entre o corpo-mariscadora e corpo-bailarina, de escoitarnos cara adentro e expresarnos mediante o movemento, de recollerse e de recollernos xuntas. O colectivo de danza formado por Eva Comesaña, Alejandra Balboa e Paula Pombar, baixo a coordinación de Xóchitl Édua (bailarina e investigadora do grupo de investigación MarSocial – CSIC) facilitaron obradoiros nos que os xestos, os movementos e a sensibilidade tomaron o papel protagonista. Estes movementos serán as pezas que formarán a danza que interprete o pasado, presente e futuro da pesca artesanal en Redondela, e que será o colofón do proxecto. Contaremos, ademais, co acompañamento musical de Acacia Ojea.

No mes de maio participamos na IV Feira da Sostibilidade Eco-Étika, organizada polo IES Luis Seoane de Pontevedra, onde xeramos redes con outras iniciativas que teñen o coidado ambiental e a participación social no seu centro. Ademais, presentamos Mariscando conCiencias para o Futuro no I Congreso Ibérico de Pesquerías Artesanais en Cantabria, levando iniciativas de arte cidadá a espazos de investigación.
E xuño tráenos novas oportunidades para imaxinar e compoñer futuros sostibles na Enseada de San Simón. Faremos un percorrido pola pesca artesanal en lugares como Xapón, México ou O Salvador que, aínda que parecen remotos, enfrontan (e afrontan) retos compartidos co sector pesqueiro galego. Ademais, reuniremos ao sector pesqueiro, ao ámbito científico, a representantes institucionais e a cociñeiras e cociñeiros para visualizar futuros desexados e construír unha folla de ruta para acadalos.

