Observatorio de Igualdade da UVigo: informe 2023
A Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo elabora, con periodicidade anual, o Observatorio de Igualdade, un documento co propósito de analizar información cuantitativa que determine o grao de igualdade ou desigualdade existente na comunidade universitaria e a súa evolución.
Tomáronse como eixos de análise os tres sectores que constitúen a comunidade universitaria: persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e alumnado. Abordáronse datos relativos á presenza das mulleres e dos homes nos órganos representación e de xestión, a situación do persoal docente investigador e a situación profesional do persoal de administración e xestión. En canto ao alumnado, analízanse os distintos niveis educativos, a presenza nas áreas de coñecemento e a taxa de éxito e abandono.
O informe Observatorio da Igualdade permite coñecer e analizar a información do portal de transparencia da UVigo dende a perspectiva de xénero, adoptando políticas que melloren a participación das mulleres na comunidade universitaria e que equilibren as oportunidades de facer efectiva a súa carreira profesional e formativa.