Pesca saúde nos centros de atención primaria

Pesca saúde é un proxecto de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro que afonda no vínculo entre o consumo dos produtos pesqueiros e a saúde. Ao longo do mes de maio desprazámonos á contorna dos centros de saúde da costa galega para difundir a campaña e visibilizar a colaboración entre os dous ámbitos.

Os arredores dos centros de saúde convertéronse en espazos comunitarios nos que compartimos o receitario de elaboracións saudables, con produto de proximidade e valores nutricionais, elaborados en conxunto con Arela Saúde e Númax S. Coop. galega. A veciñanza participou tamén dunha enquisa sobre hábitos de consumo de peixe e marisco, e fíxose entrega dun vale desconto para consumir nas prazas de abastos e peixerías locais.

Así mesmo, estanse a desenvolver xornadas técnicas onde profesionais da saúde comparten co público claves para o benestar e os hábitos saudables. Entre outras, abordamos o consumo de peixe para o desenvolvemento infantil, para o reforzo da saúde sexual e reproductiva nas mulleres, ou os beneficios de consumir produtos do mar nas patoloxías reumatolóxicas.