Entradas

A Aula Sostible do Freixo gaña o 2º premio á innovación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Os premios de Excelencia á innovación para as mulleres rurais convócanse polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dende o ano 2010, co obxectivo de dar visibilidade á labor das mulleres rurais na diversificación da actividade económica e as súas actuacións emprendedoras nos seus territorios.

A Aula Sostible do Freixo conseguiu o 2º Premio na categoría da Excelencia á innovación na actividade pesqueira, onde se coopera entre varias entidades para transformar residuos plásticos procedentes da actividade pesqueira (e outros plásticos do ámbito doméstico) en ferramentas pesqueiras revalorizadas, constituíndo unha práctica de economía circular. Podes ler máis sobre o proxecto neste artigo.

A  Aula Sostible do Freixo tamén conta co recoñecemento da Consellería do Mar nos Premios de Economía Azul, na categoría Economía Circular. Moitos parabéns a Asociación de Mulleres do sector pesqueiro de Muros – Noia e ao Concello de Outes como promotores do proxecto, e ás entidades de inclusión social participantes (ADISBISMUR, A Creba e Asociación Misela), ao GALP Costa Sostible, e a todas aquelas persoas e entidades que senten este proxecto como seu: por moitos máis éxitos!

 

Continúan os Encontros Emprendedores no marco da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago

Ao longo do 2023, a través do CERSIA, estamos a desenvolver Encontros Emprendedores para difundir as liñas mestras da diagnose e o plan de acción da Axenda Urbana 2030. Estes encontros pretenden motivar o emprendemento de novas iniciativas mediante o coñecemento de experiencias inspiradoras que xa están desenvolvendo a súa actividade empresarial no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible.

En maio abordábamos a Economía Circular como oportunidade para o emprendemento, enfocándonos no textil e na moda da man de Off connection. Puidemos intercambiar ideas arredor dun modelo de produción e consumo máis sostibles, con ciclos produtivos máis longos, reaproveitando materiais xa producidos en desuso, e xerando unha menor cantidade de residuos.

Xuño foi o mes no que abordamos a Igualdade de Oportunidades, traendo a Promove: proxectos e persoas como experiencia marco. Neste Encontro Emprendedor establecemos unha conversa arredor do emprendemento das mulleres en Compostela, identificando fortalezas e obstáculos na posta en marcha de iniciativas empresariais, e poñendo en valor a economía social como modelo. Abordáronse tamén os valores destes emprendementos, onde as persoas están no centro, e tamén a confianza mútua, os coidados e as lóxicas colaborativas.

Xa inmersas no verán, a Economía Urbana foi o eixo do 6º Encontro Emprendedor. Neste espazo contamos coa iniciativa de Abastos 2.0, vinculando a importancia da oferta gastronómica co produto local. Da man de Iago Pazos puidemos achegarnos a esta experiencia de cociña de mercado, no mercado, que nos deixou con ganas de seguir saboreando estes Encontros!

O vindeiro Encontro Emprendedor terá lugar o día 22 de agosto, abordando a temática da Vivenda. Podes informarte sobre as iniciativas arredor da Axenda Urbana 2030 premendo aqui!

Tanza recibe o recoñecemento da Red Española de Grupos de Pesca

A Red Española de Grupos de Pesca está a celebrar en Asturias unha sesión plenaria para compartir proxectos inspiradores e valorar a súa replicabilidade noutros territorios. O proxecto de cooperación Tanza, coordinado durante o 2020 polo GALP A Mariña – Ortegal en cooperación cos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro galegos, vén de recibir un premio nesta Sesión Plenaria.

Tanza implicou poñer en conversa as necesidades do sector pesqueiro e da inclusión social para sacar adiante iniciativas conxuntas, co apoio das administracións locais. Os proxectos xurdidos, cun enfoque medio ambiental, continúan activas a día de hoxe. A recollida de lixo mariño nas praias, a reutilización de materiais en desuso, a transformación dos plásticos en ferramentas útiles para o sector pesqueiro, ou a mellora da contorna, foron algunhas das derivas que tomaron os proxectos.

#ProxectosTanza | BURELA-IN

Actividades de recollida de plásticos nas praias, obradoiros formativos para o atado de redes de pesca, un gran mural en recoñecemento ás mulleres do mar, e unha exposición itinerante conformaron este proxecto no concello de Burela.

 

#ProxectosTanza | ÁRTABRO NORTE INCLUSIVO

Os concellos de Fene, Narón e Ferrol apostaron pola creación dun obradoiro de recuperación de plástico e crebas de madeira, inspirándose na iniciativa Precious Plastic e colaborando co Laboratorio de Plásticos e a Escola de Deseño Industrial da USC.

 

#ProxectosTanza | DIVERSIPLÁS

A Costa da Morte apostou pola creación dunha rede na que nove concellos do territorio, 6 confrarías do sector pesqueiro e agrupacións e asociacións de redeiras e mariscadoras da contorna realizan saídas ambientais e recollen plásticos para o seu tratamento no obradoiro de aproveitamento e tratamento de residuos mariños impulsado pola Asociación Íntegro.

 

#ProxectosTanza | AULA SOSTIBLE DO FREIXO

Reacondicionamento dunha instalación municipal para o seu uso como obradoiro de transformación de plástico das praias da Costa Sostible. Saídas ambientais de recollida de plástico, transformación a través de maquinaria e deseño de novos produtos, como agullas para as redeiras. A Asociación de mulleres do sector pesqueiro SEO Fisterra – Ría Muros Noia da a coñecer a actividade do marisqueo a pé e procura novos uso para o plástico transformado.

 

#ProxectosTanza | AMECOMAR

A cooperativa mexilloeira AMEGROVE colaborou coa Asociación Bata na sensibilización medioambiental dos e das socias do sector pesqueiro. Situaron contedores de recollida de plástico en Porto Meloxo, e acordaron coas embarcacións a instalación de colectores para aproveitar as saídas ao mar para traer a terra o plástico co que se atopan.

Seguimos tirando do fío? As entidades sociais e o sector pesqueiro como impulsores da economía circular

O pasado venres tivo lugar un novo encontro no marco do proxector VEN VER, que reuníu a distintas entidades de inclusión social e os Grupos de Acción Local do sector pesqueiro galegos, en Outes. A xuntanza desenvolveuse co obxectivo de retomar o contacto entre territorios, unha vez rematados os proxectos xurdidos a raíz do proxecto de cooperación Tanza: economía circular a través de proxectos de entidades de inclusión social e o sector pesqueiro. No encontro, as entidades promotoras de proxectos, así como outras entidades con interese nas iniciativas desenvoltas, puideron intercambiar experiencias de economía circular, identificar necesidades xurdidas no desenvolvemento dos proxectos, e identificar lóxicas cooperativas a poñer en marcha entre entidades.

 

 

O encontro, promovido polo GALP Costa Sostible, puxo en valor a Aula Sostible do Freixo cunha visita á instalación. As persoas implicadas nesta iniciativa fixeron unha demostración da actividade que desenvolven a diario, recuperando e transformando plásticos recollidos nos areais da zona, e mediante a colaboración estreita das confrarías.

O plástico recollido é transformado en obxectos útiles para o sector pesqueiro, como agullas para as redeiras, ou mosquetóns e medidores de talla mínima para as persoas que se dedican ao marisqueo, pechando así o ciclo de economía circular. Por último, o encontro rematou cunha visita ao Estaleiro Ciprian, recuperado co apoio do programa de axudas do GALP para poñer en valor a carpintería de ribeira.

 

Diversiplás: + diverso – plástico

Na Costa da Morte sitúase un proxecto que da unha segunda vida aos plásticos: Diversiplás + diverso – plástico. Esta iniciativa, coordinada pola Asociación Íntegro e financiada polo GALP Costa da Morte, teceu unha rede de entidades colaboradoras entre entidades do sector pesqueiro (confrarías, agrupacións de marisqueo a pé e asociacións de redeiras), e aos concellos da zona.

Mediante a colaboración entre entidades, preténdese avanzar cara unha Costa da Morte máis sostible, equilibrada e respectuosa co medio ambiente. Esta iniciativa nace hai dous anos, despois de participar no proxecto de cooperación Tanza, que promovía a economía circular.

#BurelaIN, un proxecto pola economía circular na Mariña

Esta semana presentáronse os resultados do proxecto #BurelaIN, unha iniciativa promovida polo Concello de Burela a raíz do proxecto Tanza. Neste territorio, as entidades de inclusión social, o sector pesqueiro, e asociacións ambientais uniron as súas forzas para desenvolver distintas actividades ao longo do 2021 e o 2022.

Entre as actividades principais destacaron os obradoiros de artesanía e innovación, onde os usuarios e as usuarias dos centros de inclusión deron unha segunda vida a refugallos do mar e aprenderon a tecer redes de pesca; realizáronse saídas de recollida de lixo nos areais de Celeiro, Burela e Ribadeo; elaborouse unha mostra itinerante para a sensibilización da poboación, e realizouse a obra mural “Burela, o mar e as súas xentes”, mediante o cal se acondicionou un espazo en desuso, representando ás mulleres do mar e reforzando a identidade mariñeira de Burela.

Ponse en marcha a Aula Sostible do Freixo

Este proxecto nace da colaboración entre a Asociación de Mulleres do sector pesqueiro de Muros – Noia con distintas asociacións de inclusión social (ADISBISMUR, A Creba e Asociación Misela), a raíz do traballo promovido polo proxecto Tanza. A Aula Sostible do Freixo consiste no acondicionamento e dotación dun obradoiro de transformación de plástico na parroquia do Freixo, onde se levarán a cabo actividades para dar unha segunda vida a plásticos procedentes do mar e da actividade marítimo – pesqueira, que sexan de utilidade para o propio sector pesqueiro tras a súa transformación.

O proxecto foi financiado polo GALP Costa Sostible, promovendo o contacto do sector pesqueiro co da inclusión social, no desenvolvemento sostible do territorio.

Celebramos a xornada final do proxecto Tanza

O proxecto Tanza, que comezara no 2020 promovendo a cooperación entre distintos GALP galegos, rematou a semana pasada nunha xornada na que se presentaron as iniciativas resultantes. Logo de fomentar o achegamento entre o sector pesqueiro e as entidades de inclusión social en cada territorio, algunhas entidades decidiron colaborar na promoción de proxectos cuxo eixo é o coidado do medio ambiente e a sostibilidade do entorno. Nesta xornada final, na que participaron arredor de 50 persoas, presentáronse os proxectos de colaboración que obtiveron financiamento do FEMP: Burela – IN, Ártabro Inclusivo, Diversiplás, Centro para a transformación do lixo mariño, O Grove Sostible – Amecomar. Tanza é un exemplo de coordinación e colaboración, polo que dende Cidadanía queremos felicitar a todas as persoas implicadas neste proxecto, polo seu compromiso pola transformación social e ambiental.

Arranca Diversiplás: traballando dende a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible

Coordinado pola asociación Íntegro, co apoio do GALP Costa da Morte e o financiamento do Fondo Social Europeo Marítimo e de Pesca e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, nace “#Diversiplás, + diverso – plástico”. Este proxecto ten como obxectivo a recuperación e a valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca, e terá como protagonistas a diferentes colectivos e entidades da Costa da Morte. A través de Diversiplás darase un novo uso aos residuos plásticos, reutilizando este material para o deseño de pezas, promovendo a inclusión social de persoas con diversidade funcional e sensibilizando ao sector pesqueiro e á sociedade da necesidade de coidar o medio mariño.

Visitamos o LabPlast no proxecto Tanza: transformando os plásticos para unha economía circular

O proxecto Tanza continúa tirando do fío na promoción de iniciativas de economía circular, a través da colaboración entre o sector pesqueiro e o da inclusión social. Despois de identificar necesidades do sector pesqueiro no ano 2020,  e de poñer en marcha a creatividade para procurar posibilidades de colaboración, os distintos GALP galegos, as entidades e empresas do sector pesqueiro, entidades locais, e as asociacións que traballan pola inclusión social, atoparon como colaborar conxuntamente no eido da sostibilidade. Por iso, a semana pasada visitamos o laboratorio de plásticos do Campus de Ferrol, xa que o proceso de transformación dos plásticos é un paso imprescindible para o desenvolvemento destes proxectos de economía circular.